O portavoz da Executiva do PSdeG denuncia que o goberno galego actúa con desleixo fronte á vivenda, á sanidade e á política lingüística, e pide honestidade no conflito pola titulación de Medicina
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, asegurou este xoves que “a sensación que transmite o goberno galego é a de estar completamente desorientado”. Na súa valoración política semanal, acusou á Xunta de “non ter iniciativa nin posición clara sobre cuestións esenciais como a defensa da lingua, o acceso á vivenda ou a sanidade pública”, e asegurou que “mentres os gobernos socialistas propoñen e actúan, a Xunta cambia de criterio, bloquea ou directamente desaparece”.
Comezou referíndose ao tratamento da lingua galega. Torrado lembrou que foi o PSdeG quen impulsou no Congreso e no Parlamento galego o recoñecemento do galego como lingua oficial na UE, un acordo que o PP apoiou en Galicia e ao que se opuxo en Bruxelas apenas dúas semanas despois. “Non está claro se queren ou non queren ser galegos. A incoherencia do PP coa lingua é só unha mostra de como funcionan: din unha cousa aquí e fan outra fóra”, afirmou.
Ese mesmo patrón, engadiu, repítese na política de vivenda. “Na lingua botan balóns fóra, e na vivenda botan abaixo as propostas que non saen da Xunta”, sinalou. Torrado puxo como exemplo a declaración de zona tensionada solicitada polo Concello da Coruña, “unha ferramenta que o goberno galego tentou frear, malia ser unha medida útil para garantir o acceso á vivenda da mocidade e das persoas con máis dificultades”. “Onde goberna o PSdeG hai propostas e resultados. A Xunta só entra en escena para entorpecer”, dixo.
A mesma dinámica vese na sanidade pública. Torrado denunciou que “mentres o conselleiro de Sanidade está encantado de coñecerse, continúan os problemas de demoras na atención primaria e os colapsos hospitalarios”. Referiuse ao caso do Hospital da Mariña, onde a maior actuación da Xunta foi “retirar pancartas en vez de contratar persoal”. “Preocúpalles máis que a xente non proteste que resolver o que está pasando”, resumiu.
Pide á Xunta que “non conte unha versión que non é”
Torrado tamén se referiu á solicitude da Universidade da Coruña para contar cunha nova facultade de Medicina no curso 2027-2028, e reclamou á Xunta “que non conte unha versión que non é”. Lembrou que o acordo asinado en 2015 recollía a descentralización da titulación e a participación das tres universidades galegas. “Non se trata de inventar nada novo, senón de cumprir o que xa está pactado”, sinalou. E puxo números enriba da mesa: “Galicia gradúa pouco máis de 400 médicos ao ano e solicita máis de 500 prazas MIR. Alguén debería facer as contas”.
O portavoz socialista concluíu sinalando que “o goberno galego non está a liderar ningunha resposta aos problemas estruturais de Galicia”. Fronte a iso, reivindicou o traballo do PSdeG “nos concellos, no Parlamento e nas institucións estatais”, con propostas como o banco público de vivenda, o impulso da oficialidade do galego ou o apoio aos colectivos sanitarios. “Estamos onde hai que estar. A Xunta, non sabemos ben onde está, ou está noutros asuntos que pouco teñen que ver coa vida da xente”.