Silvia Longueira reclámalle ao goberno galego que reforce os recursos para que os concellos poidan dispoñer dunha rede de axentes colaboradores que garantan unha atención acaída ás persoas que viven solas
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, sinalou hoxe que o Plan contra a soidade non desexada que presentou esta semana a Xunta é unha “declaración de intencións” chea de “ideas tan felices como inconcretas”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que lle reclamou ao goberno galego que reforce os recursos aos concellos para garantir unha atención eficaz.
Longueira sinalou que a atención ás persoas en soidade non desexada precisa dunha rede de axentes colaboradores que a poñan en práctica, e que pasa “si ou si” por reforzar ao persoal dos concellos, que hoxe xa están ao límite e a plantilla de traballadoras sociais “non da para mais”. Esixiulle ao goberno galego que empregue os 125 millóns de euros de orzamento que teñen anunciado para reforzar o persoal dos concellos.
Sinalou que “ao final van ser as entidades locais as que presten finalmente unha atención directa aos usuarios”, e advertiulle á Xunta que eviten repetir o “bloqueo” que teñen provocado no sistema da Dependencia, no que os concellos “non poden actuar” pola falla de recursos e de interese do Executivo autonómico.
A responsable socialista reclamoulle ademais ao goberno galego que explique precisamente en que medida van integrar a atención á soidade no sistema de Dependencia, xa que “moitas das ferramentas teñen que saír de aí”.
Advertiu que de acordo co informe elaborado pola Fundación Once, unha de cada cinco persoas maiores de Galicia sofren de soidade non desexada, e o 77 por cento delas levan máis de dous anos nesta situación. Ademais, advertiu que esta situación tamén afecta ao tramo de persoas máis mozas, de 18 a 34 anos, con características particulares incluíndo doenzas cruzadas que teñen que ser atendidas de forma específica.