A responsable socialista critica o “obstrucionismo e boicot” do goberno galego con respecto a Sarria, xa que “nin asume a súa responsabilidade nun vial de titularidade autonómica nin permite ao concello arranxar o tramo danado”
A deputada por Lugo, Patricia Otero, vén de urxir á Xunta a asumir as súas responsabilidades e arranxar a rúa Diego Pazos de Sarria, xa que “é urxente” dado que a “situación é desastrosa” e “prexudica á veciñanza e aos comerciantes”. Fíxoo, hoxe, coa presentación dunha proposición non de lei na Comisión de Obras Públicas do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.
Otero denunciou o “obstrucionismo e boicot” da Xunta á localidade de Sarria, cando ademais de non arranxar o firme, impide que sexa o propio concello quen poida solucionar o mal estado deste viario. Así, a socialista pediu ao goberno galego que, “de non asumir a súa responsabilidade”, autorice ao Concello de Sarria a arranxar o tramo entre os cruces A Avenida e A Ciguñeira na citada rúa.
“Este non é un problema novo, xa que vén sendo obxecto de críticas pola veciñanza dende hai moito tempo”, aseverou Otero, quen lamentou “o estado lamentable” do firme “no século no que vivimos” e o “perigo que supón” para a veciñanza da vila. Así, lembrou que “houbo veciños que caeron na rúa e tamén ciclistas que sufriron accidentes coas súas bicicletas”.
A responsable socialista lembrou que a estrada “é de titularidade autonómica”, polo que a Xunta “está botando balóns fóra” e facendo “deixación de funcións” cando evita arranxar “o mal estado do firme” dun viario que “xa ocasionou danos tanto á veciñanza como aos vehículos que transitan por esta rúa”.
Nesta liña, Otero lembrou a situación que están a vivir os comerciantes “con medidas moi restritivas” ás súas actividades por mor da covid, “cando, ademais, esas axudas tan anunciadas a bombo e platillo por parte da Xunta non chegan”. Así, instou ao goberno galego a que “axuden a estes negocios” co desenvolvemento de actuacións como a mellora deste vial.
“Non podemos pasar por alto que, nesta situación derivada da pandemia, é imprescindible que as administracións públicas poñan todo na súa mán, e non xeren máis problemas” como está a facer o goberno galego, aseverou a socialista.
Por último, a responsable socialista criticou o “procedemento habitual que leva a cabo o PP” tratando de diferente forma aos municipios, cando “arranxa estradas onde gobernan os seus; pero non as arranxan e abandonan á veciñanza, onde gobernan outras forzas políticas”.