

A deputada do PSdeG-PSOE subliña esta mañá dende Lugo que o bono mensual de 60 euros -30 para menores de 26- permitirá viaxar por Galicia e o resto do Estado e reclama á Xunta que se sume á iniciativa
A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Otero puxo hoxe en valor, diante da Estación de Autobuses de Lugo, a aprobación polo Consello de Ministros do novo abono único de transporte, unha medida impulsada polo Goberno de España que permitirá desprazarse por todo o país en servizos de cercanías, media distancia e autobuses de competencia estatal cunha tarifa plana de 60 euros ao mes, reducida a 30 euros para persoas menores de 26 anos.
Otero destacou que se trata dunha medida “moi necesaria”, que suporá un aforro directo para moitas familias, especialmente para estudantes e persoas que viven no rural, e que contribuirá a unha nova concepción da mobilidade. Ademais, lembrou que o Goberno tamén prorrogará os descontos xa vixentes no transporte público, reforzando así o impacto positivo do novo abono.
A deputada socialista subliñou que esta iniciativa responde a unha reivindicación sostida no tempo polo PSdeG, polos seus secretarios xerais e polas Xuventudes Socialistas de Galicia, e animou á Xunta de Galicia a sumarse ao abono único, incorporando os servizos de transporte da súa competencia, como o interurbano, para ampliar aínda máis os beneficios para a cidadanía.
“Con un único ticket pódese viaxar por todo o país, e iso supón unha mellora clara da mobilidade e da igualdade de oportunidades”, sinalou, e incidiu en que esta medida serve para desmontar os bulos do Partido Popular arredor da Lei de Mobilidade Sostible.
Neste sentido, a deputada foi clara ao afirmar que as paradas de autobús están garantidas por lei, especialmente no medio rural. “Non só non se eliminaron paradas, senón que agora quedan blindadas legalmente”, explicou, lembrando que foi o Goberno de España quen asumiu directamente o mantemento das paradas ante a falta de resposta da Xunta de Galicia ás propostas de colaboración formuladas polo Ministerio de Transportes.
Otero avanzou que o novo abono entrará en funcionamento na segunda quincena do mes de xaneiro, e definiuno como “un paso máis para unha mobilidade máis xusta, máis sostible e máis accesible”.