
A deputada socialista e portavoz de Industria e Transparencia do Grupo Parlamentario Socialista denuncia que, tras dous anos de maioría absoluta, non hai ningún proxecto industrial estratéxico autorizado nin xerando emprego en Galicia
Dous anos despois de que Rueda anunciase unha nova etapa para a política industrial galega, os datos oficiais contradín o relato do presidente da Xunta. Así o denunciou esta mañá a portavoz socialista Patricia Iglesias, quen lembrou que o titular das promesas foi claro: mobilizar máis de 3.000 millóns de euros en investimentos industriais e crear 4.700 empregos. “A día de hoxe, nada é real. Absolutamente nada”, afirmou.
Iglesias subliñou que a Xunta conta con maioría absoluta desde febreiro de 2024 e, por tanto, “non hai escusas posibles”. “Se algo non avanza é responsabilidade de quen goberna”, insistiu, advertindo de que en política industrial “o que hai son anuncios e propaganda, pero non execución”.
A deputada socialista puxo o foco nos dezaoito Proxectos Industriais Estratéxicos (PIEs) declarados polo Consello da Xunta, unha ferramenta creada polo propio Goberno galego para acelerar investimentos considerados prioritarios. Segundo explicou, todos figuran coa fase de alegacións pechada, pero ningún foi autorizado nin está en funcionamento. “Cero proxectos industriais estratéxicos autorizados. Cero xerando emprego. Esa é a realidade”, recalcou.
Para Iglesias, esta situación evidencia “falta de estratexia e falta de planificación”, e acusou ao presidente da Xunta de gobernar “con luces curtas” nun momento no que Galicia precisa visión a longo prazo para consolidar industria, captar investimento e crear emprego cualificado.
Nesta liña lembrou o caso do proxecto Century, anunciado en 2021 como fábrica de pneumáticos en As Pontes e declarado estratéxico pola Xunta. “A día de hoxe non hai explicación pública sobre que pasou con aquel proxecto. Non sabemos nada”, denunciou.
Pero o punto central da comparecencia foi o arquivo do proxecto de Altri, presentado durante meses como proxecto estrela do Goberno galego. Iglesias salientou que o proxecto non prosperou tras recibir tres negativas do Goberno de España: ao PERTE de Descarbonización, á axuda singular solicitada e á subestación eléctrica necesaria para a súa conexión á planificación estatal. “Durante meses venderon seguridade absoluta e hoxe non hai proxecto”, afirmou.
Iglesias reivindicou a “influencia positiva” exercida polo PSdeG, “principalmente Gómez Besteiro”, ante o Executivo estatal e defendeu que os tres rexeitamentos responderon á falta de viabilidade económica, ambiental e social da iniciativa. “Non era unha industria sostible para Galicia”, sostivo, lembrando ademais que o proxecto presentado finalmente non respondía ao relato inicial de industria verde, senón a unha macrocelulosa.
A deputada volveu reclamar a publicación do memorándum “secreto” asinado en 2021 entre o entón conselleiro de Economía e presidente de Impulsa, Francisco Conde, e o CEO da empresa. “Solicitámolo reiteradamente e acudimos ao Portal de Transparencia da Xunta. Ante o silencio, acudiremos á vía xudicial”, advertiu.
Tamén cuestionou a falta de rendición de contas da sociedade público-privada Impulsa Galicia, liquidada tras non mobilizar ningún proxecto industrial. “Falamos de millóns de euros de fondos públicos e seguimos sen explicacións claras”, sinalou.
A socialista advertiu de que Galicia está a perder posición industrial e enerxética mentres outros territorios captan investimentos. Citou a evolución negativa do Índice de Produción Industrial en termos comparativos e a perda de liderado nunha comunidade que chegou a situarse á cabeza en potencia eólica. “Perder liderado industrial é perder emprego cualificado e oportunidades de futuro”, afirmou.
Por último, cuestionou as celebracións polo segundo aniversario do mandato: “Celebrar é lexítimo. O que non é lexítimo é celebrar resultados que non existen”, indicou, lembrando que o Grupo Socialista segue agardando resposta sobre quen financiou os actos do primeiro aniversario.
A portavoz socialista pechou a súa intervención insistindo nunha idea: “Galicia merece industria en marcha, transparencia e un Goberno que dea resultados”. Dous anos despois das promesas, concluíu, “a execución real é cero”.