A deputada do Grupo Parlamentario Socialista advertiu na comparecencia da secretaria xeral de Presidencia na Comisión 3º de Orzamentos do “crecemento inxustificado” das subvencións de concesión directa, sobre todo en concellos gobernados polo PP: “Estes convenios multiplícanse como cogomelos, e veremos como moitos se desbloquean agora que houbo mocións de censura”, afirmou
A deputada socialista Patricia Iglesias interveu hoxe na Comisión 3ª de Orzamentos para analizar as contas da Secretaría Xeral da Presidencia e advertiu de que “estes orzamentos non reforzan nin a transparencia nin o bo goberno, senón que consolidan unha rede clientelar posta ao servizo do PP”.
Iglesias comezou lamentando “a falta de respecto institucional” coa que o Goberno galego presentou os orzamentos de 2026, “máis preocupados por facer propaganda que por dar explicacións no Parlamento”. A socialista asegurou que o executivo de Rueda “usa o Parlamento como un mero acompañante do Executivo, o que é absolutamente intolerable nunha democracia madura”.
Durante a súa intervención, a deputada do PSdeG reclamou máis control e transparencia na contratación pública, especialmente nos contratos menores. Denunciou que existen “incoherencias e lagoas” entre a Plataforma de Contratos e o Rexistro Público, e criticou que o sistema de acceso á información “siga sendo arcaico e intencionadamente opaco”. “En pleno 2025, coa intelixencia artificial e as ferramentas dixitais dispoñibles, non ten sentido que haxa que abrir PDF por PDF para coñecer o destino do diñeiro público”, sinalou.
A parlamentaria advertiu tamén do “crecemento inxustificado” das subvencións de concesión directa, sobre todo en concellos gobernados polo PP: “Estes convenios multiplícanse como cogomelos, e veremos como moitos se desbloquean agora que houbo mocións de censura. É unha utilización claramente partidista dos fondos públicos”, afirmou.
Iglesias dedicou parte da súa intervención a cuestionar a reestruturación de órganos dependentes da Presidencia. Criticou a decisión de sacar a Valedora do Pobo da Comisión Galega de Transparencia e de incorporala ao Consello Consultivo, algo que, ao seu xuízo, “responde ao malestar da Xunta cun órgano que lle resulta incómodo”.
Tamén advertiu de que a fusión da Oficina de Coordinación Económica co Instituto Galego de Estatística é “un intento de controlar os datos e manipular a realidade”. Poñendo como exemplo o uso da lingua galega, lembrou que “cando os resultados dun informe non gustaron, encargaron outro que dixera o contrario”.
No tramo final, Iglesias reclamou que a asesoría xurídica da Xunta recupere un papel activo na defensa do autogoberno galego e na reclamación de novas competencias. “O normal sería negociar co Estado nas conferencias bilaterais, non montar conflitos constitucionais por orde de Feijóo”, dixo.
Recordou, ademais, que durante o Goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño se transferiron máis de trece competencias, “mentres agora o Executivo de Rueda prefire o enfrontamento constante e o seguidismo do PP estatal”.
A deputada concluíu advertindo de que “estes orzamentos consolidan un modelo que favorece a unha minoría privilexiada e deixa atrás á maioría social galega”. E insistiu en que o PSdeG seguirá defendendo “uns servizos públicos fortes, un autogoberno real e unha administración transparente ao servizo da cidadanía”.