
Desde o Grupo Socialista reclámase un cambio radical de enfoque: Galicia debe integrar a universidade, os centros tecnolóxicos e a empresa nun ecosistema real de innovación industrial, que permita atraer novos proxectos e consolidar cadeas de valor produtivo na nosa terra.
Para Iglesias, a raíz do problema é evidente. Galicia funciona sen rumbo industrial. Non hai unha aposta seria pola tecnoloxía, pola dixitalización nin polos bens de equipo, precisamente o segmento que peor evoluciona a nivel estatal
Galicia pecha outubro como a comunidade con peor evolución industrial de toda España. A produción cae con forza mentres o conxunto do Estado medra, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao mes de outubro, o que evidencia que o noso tecido produtivo avanza en dirección contraria ao resto do país. Para a voceira de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, non é unha sorpresa, senón “a consecuencia dunha década de improvisación, propaganda e ausencia de política industrial por parte da Xunta”.
Iglesias sinala que quen goberna Galicia leva anos vivindo do titular, anunciando proxectos que nunca chegan e escapando de calquera planificación seria. “A Xunta non ten unha estratexia industrial. O único que presenta como proxecto é Altri, e xa sabemos que se trata dun fiasco: un macroproxecto mal deseñado, sen retorno industrial real e incapaz de diversificar nin modernizar o noso tecido produtivo”. A deputada socialista subliña que Altri non pode ser “nin a única idea, nin a única aposta dun Goberno que presume de industrial”.
Tamén advirte de que hai territorios cunha estrutura produtiva comparable impulsando políticas activas de innovación e de valor engadido, mentres Galicia segue atrapada nun modelo esgotado que non capta investimento nin crea cadeas industriais sólidas. “Aquí seguimos instalados na idea de facer o de sempre e esperar resultados distintos. É imposible”, resume Iglesias.
A situación, sinala, resulta aínda máis preocupante porque Galicia podería ter nas enerxías limpas unha oportunidade real para reindustrializar e diversificar a súa economía. O noso potencial renovable é evidente e podería atraer industria verde e emprego cualificado. Pero esa oportunidade está bloqueada pola incompetencia da Xunta: os proxectos non están ben tramitados, non teñen avaliacións solventes e acumulan erros que acaban anulados nos tribunais.
Galicia perde tempo e investimentos porque o Goberno de Rueda non garante seguridade xurídica nin planificación ambiental, e provoca que iniciativas estratéxicas rematen suspendidas: “Non é a xustiza quen frea Galicia; é un Executivo incapaz de facer as cousas con rigor”, afirma a voceira.
E insiste en que, se Galicia quere competir, debe deixar atrás a política do anuncio e entrar na política industrial de verdade. “Un país serio conecta a universidade coa empresa, aposta polas tecnoloxías limpas, impulsa bens de equipo e constrúe cadeas produtivas sólidas. Aquí, pola contra, o que hai é conformismo e falta de visión”.
Por iso, reclama un cambio profundo: planificación sectorial, aposta pola tecnoloxía e pola enerxía limpa, captación de novos proxectos industriais e integración da investigación nas cadeas produtivas. Galicia non pode seguir perdendo oportunidades, nin pode resignarse a ser a cola da industria española.
Os datos, conclúe, “non son só números: son oportunidades que se esfuman, talento que se marcha e emprego industrial que non se crea. Galicia merece un Goberno con visión, non un Executivo que confunde propaganda con política industrial”.