Considera “discriminatorio” e que “non ten sentido” que os pequenos teñan que desprazarse cada día dende as instalacións da rúa do Valado no que é un “incumAprimento flagrante” do Plan de Infraestruturas Educativas da Xunta
A parlamentaria socialista Paloma Castro levou hoxe ao Parlamento a situación dos alumnos e alumnas de Educación Infantil do CEIP Plurilingüe da Pedra de Bueu, que teñen as súas aulas nun edificio aparte na Rúa O Valado, a 500 metros do edificio central. Castro advirte que “non ten sentido” que os máis pequenos teñan que desprazarse tódolos días para acceder aos espazos de ximnasia, xogos ou aos servizos de conciliación -plan madruga e comedor-.
Castro lembra que a comunidade educativa leva mobilizada dende 2014 fronte a unha situación que está a causar “múltiples problemas”, ademais do risco de desprazar a pequenos de 2 a 4 anos tódolos días cruzando estradas con tráfico rodado intenso acompañados dunha monitora. As demandas repetíronse durante os últimos 10 anos, a última delas a través dunha moción impulsada polos grupos municipais do goberno no que participa o PSdeG que foi aprobada polo Concello.
A responsable esixiu “planificación, investimento e vontade política” para resolver unha situación que ademais constitúe un “incumprimento flagrante” dos principios do Plan de Infraestruturas Educativas que está a promocionar o goberno galego “a bombo e prato”. A aplicación deste Plan está a resultar “discriminatoria e inxustificadamente lenta” nalgúns centros, como é o caso do CEIP A Pedra de Bueu.
Lamenta que o goberno galego non movera unha pedra para resolver unhas deficiencias que dificultan a situación das familias afectadas nun centro que ten 100 alumnos de Infantil e 400 en Primaria. Esta situación é perfectamente coñecida polo goberno galego, que leva unha década sendo notificado reiteradamente dende a comunidade educativa “sen que ata o momento se producira unha resposta efectiva nin prazos concretos de actuación”.
Advertiu que “a educación non pode depender da sorte nin da presión mediática ou da cor política do Concello”, no que vive unha veciñanza que merece unha educación de calidade en igualdade de condicións independentemente do seu lugar de residencia.