
Paloma Castro esíxelle á Xunta que garanta a cobertura estable das prazas de médicos e enfermeiras e unha ambulancia propia no PAC de Cerdedo
A parlamentaria socialista Paloma Castro advertiu hoxe que o xerente do Sergas vén de desmentir no Parlamento os anuncios de mellora dos recursos sanitarios en Cerdedo – Cotobade que está a anunciar o alcalde. Así o dixo logo dunha pregunta oral que presentou na Comisión de Sanidade na que o responsable do Sergas limitou a compromiso dunha nova ambulancia a un “estudo” e que o reforzo do persoal será simplemente repoñer a xubilación do médico de Cotobade.
esixiulle hoxe á Xunta que garanta a cobertura estable das prazas de médicos e enfermeiras asignadas aos centros de saúde de Carballedo e Tenorio e o PAC de Cerdedo, no concello de Cerdedo – Cotobade, logo de anos de promesas baleiras. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que reclamou a dotación dunha ambulancia propia no PAC de Cerdedo.
A responsable socialista reclamou unha “atención sanitaria digna en igualdade de condicións” porque en Galicia “non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”. Explicou que os 6.000 habitantes do Concello merecen os mesmos servizos que no resto do país, e afeoulle ao goberno galego que “chega tarde e despois de anos de denuncias, advertencias e reclamacións por parte do Grupo Socialista” no Parlamento e no Concello.
Reclamou unha “atención sanitaria digna, próxima e eficaz” neste concello, e advertiu que “non vamos deixar de vixiar nin de esixir que as medidas anunciadas non queden nunha promesa baleira”. Advertiu que “estaremos atentos para comprobar que estas prazas se cobren de maneira estable, que se reforzan os servizos e que se dota ao PAC de Cerdedo dos medios necesarios” para garantir unha sanidade en condicións no rural galego.
Castro explicou que o Centro Médico de Cotobade, que ten problemas evidentes de espazo e funcionalidade, estivo a funcionar cun só dos dous médicos que ten asignados por unha baixa que estivo un ano vacante. Ademais, o médico en activo vaise xubilar a comezos do próximo ano, e suprimiron unha das dúas prazas de enfermaría, deixando uns recursos limitados para atender á veciñanza, a 52 persoas encamadas e as saídas domiciliarias.
O PAC de Cerdedo, pola súa banda, leva anos con graves carencias de espazo e problemas moi serios en materia de persoal, polo que cada verán repítese a falla de cobertura das vacacións e a derivacións de pacientes aos centros de A Parda, en Pontevedra, e aos concellos limítrofes. Lembrou a demanda histórica dunha ambulancia para este centro, que permitiría atender de forma rápida a unha comarca marcada pola dispersión e longas distancias entre os concellos.
Sinalou que os profesionais sanitarios do concello amosan unha fonda preocupación polas graves carencias nos servizos, aos que se suma a próxima apertura da residencia e centro de día de maiores en Carballedo preto do centro de saúde, que se traducirá nun incremento potencial de 80 novos pacientes sen que teñan previsto ningún reforzo do persoal sanitario.
Castro reivindicou o reforzo real dos recursos sanitarios deste Concello, e advertiu que “resulta contraditorio falar de políticas contra o despoboamento do rural mentres se recortan ou se restrinxen servizos básicos como a sanidade, a educación ou o transporte nestes territorios”.