
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, lembra que Galicia se manifesta hoxe contra un proxecto e non contra unha realidade grazas ao “non” reiterado do Goberno socialista á macrocelulosa de Altri
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, participou este domingo na manifestación contra o proxecto de Altri, onde subliñou que Galicia “segue manifestándose contra un proxecto e non contra unha realidade grazas á sociedades e ao Partido Socialista”.
“Hoxe estamos aquí manifestándonos contra un proxecto e non contra unha realidade porque o Goberno de Pedro Sánchez díxolle non a Altri ata en tres ocasións. Se non fose así, este proxecto xa estaría en marcha”, afirmou Méndez, lembrando que os socialistas dixeron non aos 250 millóns de euros de fondos públicos que a empresa pretendía recibir, ao PERTE de descarbonización e á subestación eléctrica asociada.
A dirixente socialista destacou a importancia das mobilizacións sociais como expresión do rexeitamento cidadán a un proxecto amplamente contestado, pero insistiu en que ese rexeitamento tamén debe traducirse en decisións políticas e administrativas: “Iso é o que fixo o Partido Socialista, con feitos e con decisións claras”, sinalou.
Neste contexto, Lara Méndez puxo o foco no presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e na falta de transparencia do Partido Popular. “A pregunta é que está facendo o señor Rueda e por que non pon enriba da mesa o acordo que leva meses ocultando con Altri”, indicou, lembrando que foi o propio presidente quen recoñeceu a existencia dese pacto. “Queremos saber que acordo ten agochado o Partido Popular, porque mentres non se aclare, a cidadanía segue tendo medo e inquietude ante a posibilidade de que este proxecto saia adiante”, advertiu.
Preguntas dos medios
Preguntada pola situación interna do partido tras as informacións coñecidas nos últimos días, Méndez foi contundente ao defender a actuación do PSdeG: “Somos un partido feminista e o demostramos con feitos”, afirmou, ao mesmo tempo que recordou que o PSOE é o único partido que conta cun canal anónimo para denuncias por acoso e que, no momento en que se tivo coñecemento dunha denuncia presentada por esa vía, a dirección galega actuou con rapidez, “en cuestión de horas”.
A secretaria de Organización relatou de novo que o partido tivo coñecemento do testemuño dunha presunta vítima a través dunha terceira persoa e que, en todo momento, o que se fixo foi animar a denunciar, tal e como establece a lei. “Existe un artigo do Código Penal que nos impide presentar unha denuncia en nome doutra persoa. Facelo non só sería ilegal, senón que tampouco garantiría a protección e o anonimato da vítima”, precisou.
Méndez deixou claro que “en ningún momento a dirección do Partido Socialista mantivo contacto directo con ningunha vítima” e que se actuou estritamente conforme aos protocolos vixentes. Ademais, animou ao resto de formacións políticas a dotarse de canles anónimas de denuncia, lembrando que “o Partido Popular ocultou durante meses unha denuncia contra un conselleiro que foi admitida a trámite” e que, tras producirse a súa dimisión, “houbo silencio, aplausos e mensaxes de apoio”.
Sobre o malestar expresado por parte da militancia, recoñeceu que existe e que é compartido, especialmente polas mulleres, pero asegurou que tamén se sente un apoio maioritario á actuación da dirección. “Entendemos todas as sensibilidades e o malestar que provoca este tipo de situacións, pero actuamos con rapidez, convocando os órganos de dirección e dando explicacións”, indicou.
En relación coa petición das Xuventudes Socialistas para a convocatoria dun comité nacional extraordinario, Lara Méndez lembrou que o partido actuou “en menos de 24 horas” desde que se tivo coñecemento da denuncia, presentada o luns pola tarde, e que tras facerse pública o martes á noite “o presidente da Deputación xa presentara a súa dimisión.”. Ademáis, insistiu en que se convocou de forma inmediata ao máximo órgano do Partido”. Non obstante, asegurou que “seguiremos falando coa militancia e seguiremos actuando con contundencia, rigor e responsabilidade”.