Patricia Iglesias denunciou a falta de transparencia coa que a Xunta manexou a compañía e cualificou de “curioso” que decidira disolvela despois de que os socialistas lle reclamasen o documento do “pacto secreto” que a empresa asinou con Altri
Para a deputada socialista, a creación da sociedade “forma parte do modus operandi do Partido Popular de crear chiringuitos híbridos de colaboración público-privada para fuxir dos controis”
Só un mes despois de que o Grupo Socialista anunciase que reclamaría todos os expedientes relacionados con Impulsa Galicia, incluso por vía xudicial, a sociedade promovida pola Xunta hai só catro anos anunciou hoxe, “pola porta de atrás e en plenas vacacións”, e a través dun simple comunicado, a súa disolución. A deputada Patricia Iglesias ve “curioso” que, tras esa advertencia, a xunta de socios decidise pechar a empresa mixta que asinara con Altri o memorando para a instalación da pasteira en Palas de Rei.
É un dos documentos que viña reclamando o PSdeG para coñecer que se agocha tras o pacto entre Altri e o Goberno do PP, e que este último se nega a facilitar de xeito sistemático, incumprindo a Lei de Transparencia. A parlamentaria preguntouse que vai acontecer agora con ese acordo, e se esta manobra que vén de artellar o Executivo de Rueda o vai manter “a salvo” da fiscalización das institucións e do coñecemento público.
Iglesias xa denunciara a principios de xullo os “indicios preocupantes de contratacións opacas, sen garantías mínimas de concorrencia e con empresas ligadas ao Partido Popular”, con gran repercusión económica e ás que a cidadanía non ten información. “Fomos os primeiros en advertir que algo cheiraba mal nesta empresa”, recordou entón.
“Onde están os proxectos? En ningures”
Agora, o máximo órgano da sociedade público-privada xustifica o peche en que se “constatou o cumprimento do seu propósito fundacional: contribuír a acelerar a recuperación económica da comunidade autónoma no escenario pospandemia”. Para Patricia Iglesias non é só unha escusa, senón tamén a constatación do “fracaso absoluto” da política industrial do PP. “A sociedade foi creada no 2021 coa promesa de atraer grandes proxectos ao noso país. E onde están? Pois en ningures”, lamentou.
De feito, no comunicado difundido hoxe, Impulsa Galicia cita como “legado” a creación de Recursos de Galicia, unha sociedade de composición similar á que agora cesa e que actúa con similar escurantismo; “o gran centro de datos de Curtis”, un proxecto sobre o que a compañía informou por última vez hai case un ano, e a pasteira de Palas de Rei, que, incluso á marxe do seu impacto ambiental, non ten cumprido ningún requisito para acadar fondos públicos.
“En definitiva, non é só a crónica dun fracaso. É a demostración do modus operandi do PP: crear chiringuitos híbridos de colaboración público-privada para fuxir do control”, remarcou Patricia Iglesias, que xa avanzou que o Grupo Socialista non vai cesar nas súas reclamacións. Seguirá solicitando acceso a toda a documentación relacionada con Impulsa Galicia a través dos organismos de transparencia e, de ser necesario, nos tribunais.