A deputada Patricia Otero destacou o compromiso do Goberno socialista coa mobilidade ferroviaria na comunidade autónoma
O ministro de Transportes avanzou que a proposta inicial contempla as zonas da Coruña, Vigo, liña atlántica e liña interior, máis unha complementaria no tendido de ancho métrico
A deputada e secretaria de Transportes e Mobilidade Sustentable do PSdeG, Patricia Otero, valorou hoxe os avances para a implantación dun servizo ferroviario de proximidade en Galicia, que o ministro de Transportes deu a coñecer esta mañá no pleno do Congreso. Otero destacou o compromiso do Goberno socialista coa mobilidade por tren na comunidade autónoma, que desde o 2018 se vén substanciando en actuacións tan destacadas como a chegada da alta velocidade, as melloras en liñas como a de Lugo a Ourense ou a construción de cinco estacións intermodais, e que continúa con proxectos coma o estudo de análise de novos servizos ferroviarios para a mobilidade cotiá.
Segundo explicou Óscar Puente, a través deste documento manéxase unha primeira proposta para a implantación de catro áreas nas que se prestarían eses servizos, máis unha complementaria. O ministro detallou durante a súa intervención na Cámara Baixa que esas zonas corresponderanse coas inmediacións das cidades da Coruña e Vigo, a liña atlántica e a liña interior, ás que se sumaría o tendido de ancho métrico.
Trátase dunha configuración preliminar para un servizo que se está a definir por parte do Executivo central e que ten como obxectivo responder á alta demanda que existe, segundo confirma o propio estudo. O obxectivo é mellorar sensiblemente a mobilidade en Galicia, para o que se están a analizar todos os tráficos posibles que vertebran a comunicación ferroviaria na comunidade, incluídos servizos rexionais e de media distancia, tal como confirmou Puente.