

Aitor Bouza reclama unha resposta inmediata para resolver o “colapso” no transporte público logo de anos de falla de xestión do PP
Patricia Otero reclama a actualización dos contratos de servizo interurbano: “A Xunta non pode facer oídos xordos mentres queda xente tirada nas paradas”
Advirte que o cambio de titularidade da AP9 que agora pide o PP non incorpora bonificacións ou gratuidade das peaxes
A deputada socialista no Congreso e secretaria de Transportes do PSdeG, Patricia Otero, e o parlamentario autonómico Aitor Bouza esixíronlle hoxe ao conselleiro de Presidencia -Diego Calvo- que “se remangue e traballe” para resolver o conflito no transporte de viaxeiros na Coruña, que é un síntoma do “colapso” provocado por anos de falla de xestión por parte do goberno galego.
Otero e Bouza compareceron na Estación Intermodal de Santiago para lembrarlle á Xunta que ten competencias e responsabilidade directa no transporte de viaxeiros por estrada e esixirlle que “deixe de facer oídos xordos” no conflito colectivo aberto entre a patronal e os traballadores de bus da provincia.
Neste sentido, o parlamentario autonómico Aitor Bouza esixiulle ao conselleiro de Presidencia que asuma a súa responsabilidade e traballe para que “haxa un acordo real” no transporte de bus na provincia da Coruña. Esixiu unha “solución inmediata” á situación do transporte público en Galicia, onde “falta unha política seria” por parte do goberno galego.
Afeoulle que actúe como “convidado de pedra” limitándose a pedir que as partes negocien”, e sinalou que debe asumir dunha vez a xestión do transporte interurbano e atender ao clamor cidadá para que poñan medidas enriba da mesa para resolver o caos no transporte público por estrada. Afeoulle a rapidez coa que lanzan críticas aos gobernos socialistas pero que “asubían” cando chega o momento de aplicar a súa propia competencia.
Advertiu que son os usuarios do transporte interurbano os que levan anos padecendo recortes, contratos mal deseñados e concesións que non responden ás necesidades reais do territorio, e agora a folga do transporte transcende a un conflito entre empresas e traballadores, xa que e un problema estrutural dun servizo publico mal planificado e mal financiado.
Patricia Otero lembrou que a Xunta é quen fixa as concesións, as condicións e o financiamento, polo que reclamou que actualice os contratos de servizo interurbano porque “non poden mirar para outro lado” mentres suprimen frecuencias sen previo aviso e “queda xente tirada nas paradas”. A responsable socialista reclamou un Plan de axuda ás empresas, atadas por uns acordos baseados nas condicións de antes da pandemia e da invasión de Ucraína.
Lembrou que nos últimos sete anos o custe do combustible chegou a aumentar máis dun 40 por cento, a inflación erosionou a capacidade adquisitiva e encareceu o mantemento e as operacións das empresas. Criticou que durante todo este tempo a Xunta mirou para outro lado mentres o transporte público se deteriora “de norte a sur e de leste a oeste” porque, advertiu, “pensan que gobernar é criticar e facer oposición ao goberno central esquecendo as súas competencias”.
AP9
A deputada no Congreso Patricia Otero dixo hoxe que o PP “non está lexitimado para falar da AP9” cando eles -no ano 2000- prorrogaron a concesión ata o ano 2048, e tres anos despois -en 2003- privatizaron Audasa, a empresa que xestiona a infraestrutura. Criticou que a próxima semana vaian presentar no Senado unha iniciativa para pedir a transferencia da titularidade que non inclúe ningunha bonificación aos usuarios e obviando que xa hai unha Lei en trámite no Congreso.
Explicou que a transferencia da titularidade non supón que a infraestrutura sexa gratuíta, e por iso lles afeou que presenten unha iniciativa na que non queren falar de mellorar as bonificacións das peaxes que puxo en marcha o goberno de Pedro Sánchez, que as rebaixou ata un 75 por cento.