A deputada socialista Patricia Iglesias e o alcalde Ángel Leis acusan á Xunta de desatender as súas obrigas en materia sanitaria e piden a Rueda que actúe para que a veciñanza reciba atención en condicións axeitadas
A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, visitou no día de onte o Centro de Saúde de Negreira acompañada do alcalde, Ángel Leis, e do equipo de goberno local. Durante a visita, Iglesias denunciou o estado “lamentable” das instalacións e criticou a inacción da Xunta e do Sergas fronte a unha situación que cualificou de “inadmisible”.
“O que vemos doe”, afirmou a deputada socialista, facendo referencia a humidades nas paredes, espazos reducidos que impiden o acceso dunha padiola e deficiencias estruturais que comprometen a seguridade e a dignidade da atención sanitaria. “Todo isto sostido polo Concello, mentres a Xunta e o Sergas miran para outro lado”, lamentou.
Desde o PSdeG reclaman con urxencia a construción dun novo centro de saúde en Negreira que garanta unhas condicións axeitadas tanto para o persoal sanitario como para as e os pacientes. “A veciñanza merece un centro de saúde novo, digno e seguro, porque a saúde non pode depender da caridade”, subliñou Iglesias. “O Sergas, unha vez máis, invita pero non paga”, concluíu.
As e os socialistas galegos comprométense a seguir defendendo no Parlamento galego as necesidades sanitarias dos concellos do rural e a esixirlle á Xunta investimentos reais que garantan unha atención pública de calidade.