
Os socialistas propoñen mellorar o diagnóstico de enfermidades infradiagnosticadas nas mulleres, impulsar a investigación biomédica con enfoque de xénero e desenvolver programas específicos sobre saúde menstrual, climaterio e saúde mental.
A saúde das mulleres segue sendo unha das grandes materias pendentes das políticas sanitarias. A pesar de que representan case a metade da poboación, a investigación e o investimento sanitario continúan prestando unha atención limitada ás enfermidades que as afectan de maneira específica ou que se manifestan nelas de forma diferente.
Con este diagnóstico enriba da mesa, o Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha iniciativa na que insta á Xunta a impulsar unha estratexia galega para a atención integral da saúde das mulleres, incorporando de maneira real e efectiva a perspectiva de xénero nas políticas públicas sanitarias.
A proposta, impulsada polas deputadas Elena Espinosa, Silvia Longueira e Paloma Castro, parte dunha realidade que durante anos pasou practicamente desapercibida: moitas enfermidades afectan con maior frecuencia ás mulleres, noutras os síntomas preséntanse de maneira distinta e, en determinados casos, tamén responden de forma diferente aos tratamentos.
Porén, durante décadas o modelo sanitario dominante tomou como referencia o corpo masculino tanto no diagnóstico como na investigación ou no desenvolvemento de terapias, o que deixou importantes lagoas no coñecemento médico sobre a saúde feminina.
Desde o PSdeG consideran que esta situación require unha resposta clara desde as políticas públicas. Por iso, a iniciativa propón incorporar de maneira transversal a perspectiva de xénero no deseño, planificación e avaliación das políticas de saúde pública no Sistema Público de Saúde de Galicia.
Entre as medidas incluídas na proposta figura tamén a recollida sistemática de datos sanitarios desagregados por sexo, co obxectivo de detectar e reducir desigualdades na atención sanitaria, así como o impulso da investigación biomédica centrada nas diferenzas entre homes e mulleres.
Ademais, reclaman desenvolver programas de formación dirixidos ao persoal sanitario para integrar esta perspectiva na práctica clínica, tanto no diagnóstico como nos tratamentos.
A estratexia proposta polas socialistas inclúe tamén actuacións específicas para mellorar o diagnóstico de enfermidades infradiagnosticadas nas mulleres, impulsar programas de saúde menstrual e climaterio e reforzar a atención á saúde mental con enfoque de xénero.
Desde o PSdeG lembran que falar de saúde pública tamén é falar de equidade, e que incorporar a perspectiva de xénero non é unha cuestión secundaria, senón unha condición necesaria para garantir unha atención sanitaria máis xusta e eficaz.
Participación na manifestación en Vigo
As socialistas galegas participarán ademais mañá de maneira activa nas diferentes mobilizacións convocadas en Galicia con motivo do 8M. En concreto, en Vigo estarán presentes o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besyeiro, e a nova secretaria de Igualdade do partido, Natalia González, que se sumarán á manifestación xunto a militantes e cargos socialistas para reivindicar os avances acadados e seguir reclamando máis dereitos e igualdade real para as mulleres.