
A Proposición non de Lei presentada polo deputado socialista Aitor Bouza reclama unha resposta urxente á emerxencia habitacional fronte aos anuncios a longo prazo do Goberno galego
O deputado do Grupo Parlamentario Socialista Aitor Bouza defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei coa que o PSdeG urxe á Xunta a crear no primeiro semestre de 2026 un Banco Público de Aluguer que mobilice de xeito inmediato 10.000 vivendas baleiras e permita incrementar a oferta de alugueiro a prezos asumibles e que foi rexeitada polo PP.
Bouza advertiu de que Galicia supera xa as 500.000 vivendas baleiras mentres miles de persoas non poden acceder a un alugueiro, unha situación que cualificou de emerxencia habitacional. “A Xunta leva anos anunciando solucións a longo prazo, con horizonte no 2030, pero sen dar resposta ás persoas que precisan unha vivenda hoxe”, sinalou.
A iniciativa socialista propón un banco público xestionado pola Administración autonómica como mediadora, que ofreza garantías públicas ás persoas propietarias fronte a impagos e danos, estableza contratos de alugueiro de longa duración e fixe prezos sempre asumibles, nunca superiores ao 30 % da renda media dispoñible das familias.
O deputado do PSdeG criticou o escaso impacto das políticas actuais da Xunta en materia de vivenda: “Programas como Fogar Vivo apenas chegaron a 239 axudas cun orzamento de 1,4 millóns de euros, mentres o bono alugueiro volveu esgotar o crédito deixando fóra a máis de 10.000 persoas solicitantes”. A isto súmase, segundo indicou, unha execución orzamentaria moi baixa das partidas destinadas ao acceso á vivenda.
Para o PSdeG, a Xunta xa non pode seguir agochándose detrás de plans futuros mentres o problema medra cada día. Hai vivendas baleiras, hai capacidade para mobilizalas e hai xente que non pode esperar máis. Non facer nada tamén é unha forma de gobernar, e ten consecuencias para milleiros de persoas”.