
Besteiro aposta por un modelo adaptado ás singularidades galegas, solidario entre comunidades e suficiente para garantir as mesmas oportunidades a toda a cidadanía, independentemente de onde vivas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que explique con claridade que modelo de financiamento autonómico defende para Galicia, coincidindo coa presentación mañá do novo modelo por parte da vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Besteiro salientou que, trece anos despois de que o PP deixase caducar o sistema de financiamento autonómico, o Goberno de España pon por primeira vez sobre a mesa unha proposta para corrixir as carencias do modelo actual e garantir máis recursos para todas as comunidades autónomas. “Falamos dun novo sistema no que todos os territorios recibirán máis transferencias para reforzar o Estado do Benestar”, subliñou.
Neste contexto, advertiu de que o debate non pode quedar en ruído político nin en confrontación estéril. “O que hoxe non sabemos é que modelo defende Alfonso Rueda para Galicia nin se está disposto a aproveitar esta oportunidade para mellorar o financiamento do país ou si, pola contra, seguirá facendo o xogo a Feijóo e Ayuso”, afirmou.
Besteiro defendeu con firmeza unha financiación singular para Galicia, que teña en conta as súas características reais: a dispersión poboacional, o envellecemento, o peso do rural e as dificultades do territorio. “O financiamento ten que adaptarse á nosa realidade e ás necesidades dos galegos e galegas ”, indicou.
O secretario xeral do PSdeG subliñou que o obxectivo desta proposta é garantir a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía. “Vivindo nunha vila, nun concello pequeno ou nunha área urbana, todas as persoas teñen que ter os mesmos dereitos e os mesmos servizos públicos”, sinalou, incidindo en que o financiamento autonómico debe servir para reforzar a cohesión territorial e evitar desigualdades.
Insistiu en que un bo sistema de financiamento é clave para fortalecer os servizos públicos, especialmente a sanidade e a educación, que son a principal garantía de igualdade. Ademais, defendeu a condonación da débeda como unha ferramenta necesaria para liberar recursos e poder destinalos directamente a mellorar a vida da xente.
Fronte a esta situación, criticou que o PP siga sen presentar ningunha proposta concreta. “Mentres o Goberno de España cumpre e pon unha proposta enriba da mesa, Rueda segue sen dicir que financiamento quere para Galicia nin como pensa garantir os dereitos da cidadanía galega”, concluíu.