Julio Torrado reclámalle a Rueda que lle explique a Feijóo que a coordinación entre as administracións central e autonómica durante o apagón funcionou: “Volveu a electricidade pero segue cos cables cruzados”
Subliña que a nova condena por abuso laboral sitúa ao Sergas como “a peor empresa de contratación e a maior ETT de Galicia”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, advertiu hoxe que os socialistas son o único partido centrado na defensa das condicións polo traballo en Galicia. Así o dixo nunha rolda de prensa para facer balance político da semana, na que criticou a visita de Feijóo a Galicia buscando o enfrontamento coa escusa do apagón, demostrando que “volveu a electricidade pero segue cos cables cruzados”.
O responsable socialista amosou a súa sorpresa logo da celebración do 1º de Maio, día da clase traballadora, que os socialistas celebraron participando en tódalas concentracións de Galicia e que continuarán sendo o único partido que o levarán ao Pleno do Parlamento a próxima semana. Dixo que o PSdeG demostra que está “nas cuestións que importan e no que toca”, mentres “outros están centrados na confrontación co Estado ou en pelexas soberanistas que non teñen ningún xeito”.
Reivindicou a iniciativa do PSdeG por “defender as conquistas laborais e loitar contra a precariedade laboral”, por iso farán do emprego un tema central da sesión plenaria xa dende a pregunta ao Presidente que presentará o secretario xeral e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro. Tamén presentarán varias iniciativas sobre a situación do emprego en Galicia, incluíndo unha pregunta concreta sobre Sargadelos, logo da visita do líder socialista á factoría esta semana.
Os cables cruzados de Feijóo
Finalmente, aludiu á visita de Feijóo a Galicia, que hoxe incluirá un paseo polo 112, dentro da súa estratexia de confrontación co Estado, desta volta a conta do apagón do luns e ao carón dun Rueda que defendeu que a coordinación entre as administracións estatal e autonómica funcionou durante a crise. Criticou o seu empeño en “introducir unha tensión innecesaria froito de que está perdido: Volveu a electricidade pero segue cos cables cruzados e nun lodazal do que debe saber saír”.
Reclamoulle neste sentido ao presidente da Xunta que “defenda diante de Feijóo que o país funcionou”, e que o fixo “a pesares dos agoreiros” incluíndo a cesión das competencias ao Estado e a devolución posterior á Xunta, máis alá de que se “enredaran” na xestión dos centros de educación infantil.
Problemas de luces no Sergas
O tamén secretario de Sanidade da Executiva socialista aludiu ademais á nova condena ao Sergas coñecida esta semana por abuso laboral contra os profesionais da Atención Primaria, que suma xa “demasiadas condenas por vulnerar os dereitos laborais” e evidencia que está a funcionar “como a peor empresa de contratación e a maior ETT de Galicia”.
Torrado criticou a xestión do conselleiro de Sanidade, que cunha situación crítica na sanidade pública enriba da mesa descolgouse anunciando a habilitación de cirurxías menores nos centros de saúde que levan no catálogo dende hai anos. Sinalou que “ten algún problema de luces” cando anuncia “inventivas sobre cousas que xa existen” e reclamoulle que saia do seu “mundo ilusorio” para “tomar medidas reais” antes de, ironizou, “anunciar o descubrimento da penicilina”.