

A deputada Silvia Longueira cuestionou en comisión parlamentaria os criterios da dirección da compañía á hora de abordar asuntos de relevancia, e puxo como exemplo a relación entre Feijoo e o narcotraficante Marcial Dorado, un asunto desaparecido da televisión pública galega
A deputada socialista Silvia Longueira cuestionou hoxe en comisión parlamentaria os criterios da dirección da CSAG, a extinta CRTVG, á hora de abordar certos temas de interese público. Máis en concreto, referiuse a asuntos “que afectan a persoeiros políticos galegos que tiveron, teñen ou poden acadar responsabilidades de goberno”, nos que se aprecian certas intencionalidades.
A parlamentaria do PSdeG comparou o tratamento que se dispensa a diferentes figuras e puxo como exemplo de dubidoso proceder a deliberada desaparición das emisións da TVG da relación de Feijoo con Marcial Dorado, condenado por narcotráfico. “Poucas veces vin maior relevancia para unha noticia que que un presidente da Xunta sexa amigo dun narcotraficante”, sinalou.
Longueira criticou que, mentres os medios de comunicación de ámbito nacional trataron ese asunto en profundidade, en diferentes momentos nos que estivo de actualidade, a televisión pública galega nunca lle dedicou “ningún reportaxe de calado” e procurou ocultalo. Mentres, segundo salientou, trata profusamente cuestións moito menores que afectan a outros personaxes.
Silvia Longueira advertiu que, con outros enfoques da información e a realización de máis reportaxes de investigación, a TVG “quizais subiría a audiencia” nun contexto no que, ao contrario, o número de persoas que a ven está descendendo de xeito sostido.