
A deputada Patricia Iglesias advirte de que a reforma suspendida permitía autorizar parques fóra da planificación e concentrar poder discrecional no Consello da Xunta
A socialista desmontou as “fake news” do PP neste caso: “As repotenciacións poden seguir tramitándose, as renovables non están prohibidas e non existe ningunha decisión contra Galicia”
A deputada do PSdeG Patricia Iglesias asegurou hoxe que a suspensión cautelar das modificacións á lei eólica de Galicia, acordada polo Tribunal Constitucional, non paraliza a repotenciación nin as renovables en Galicia, senón que deixa en evidencia “un modelo baseado en excepcións á planificación e nunha ampliación clara da discrecionalidade política nun sector estratéxico”. As devanditas modificacións foron introducidas a través da lei de acompañamento aos Orzamentos 2026.
Iglesias lembrou que o recurso que o Goberno de España presentou contra elas foi admitido a trámite o pasado 29 de xaneiro e que antes de chegar a ese punto existiu diálogo institucional. Houbo unha comisión bilateral na que parte das discrepancias quedaron resoltas. “Iso desmonta o relato dun suposto ataque a Galicia. O que quedaba en cuestión era o núcleo máis delicado da reforma: permitir excepcións á planificación e introducir un mecanismo que ampliaba a discrecionalidade política”.
A reacción da Xunta, sinalou, foi presentar a suspensión como un agravio e anunciar que se vai personar ante o Constitucional. “Ese é o marco que intentan instalar: confrontación e alarma. Pero hai que separar o ruído dos feitos”.
E os feitos son claros, segundo explicou Iglesias: a repotenciación pode seguir tramitándose dentro do marco legal vixente, as renovables non están prohibidas e non existe ningunha decisión contra Galicia. O que está suspendido é unha modificación concreta que introducía excepcións á planificación e ampliaba a capacidade discrecional do Consello da Xunta.
A deputada socialista subliñou que Galicia segue funcionando cun plan eólico do ano 1997, sen actualización nin adaptación plena á normativa ambiental europea. Falamos dun plan claramente obsoleto, convertido nunha auténtica chapuza normativa tras anos sen revisión seria nin adaptación ás esixencias ambientais actuais. “En vez de revisar o plan con transparencia e participación, optouse por introducir excepcións nunha lei de acompañamento. Cando se permiten excepcións, as regras deixan de ser iguais para todos”.
Iglesias lembrou ademais que en 2009 o Goberno de Feijóo modificou a lei do sector eólico ao chegar á Xunta, paralizando o modelo anterior por decisión política. Anos despois, o propio Tribunal de Xustiza confirmou a legalidade do concurso eólico do bipartito. Ese cambio marcou o inicio dun modelo baseado máis na discrecionalidade que na planificación.
Iglesias puxo o foco na concentración de poder no Consello da Xunta para decidir que proxectos se autorizan, mesmo fóra da planificación sectorial e vinculando a enerxía xerada a determinadas industrias. “Nun ámbito que move millóns e condiciona o territorio durante décadas, non pode haber marxe para decisións a dedo. A enerxía non pode depender da discrecionalidade dun órgano político”.
Neste contexto, reclamou máxima transparencia sobre o papel de Recursos de Galicia, sociedade participada pola propia Xunta. “Non é razoable que a Xunta participe no accionariado dunha estrutura empresarial vinculada a proxectos enerxéticos e, ao mesmo tempo, sexa quen autoriza eses proxectos. Non se pode ser xuíz e parte. A separación de funcións debe ser escrupulosa”.
Para o PSdeG, o debate non é renovables si ou non. “Estamos a favor da transición enerxética e da repotenciación. O que cuestionamos é un modelo que introduce excepcións, concentra decisións políticas e xera dúbidas razoables sobre a igualdade de condicións”.
Iglesias concluíu sinalando que Galicia precisa planificación actualizada, regras claras e seguridade xurídica. “O problema non é o Tribunal Constitucional. O problema é lexislar ampliando marxes de discrecionalidade e despois presentar a suspensión como un ataque a Galicia”.