Juan Manuel Rodríguez García, membro da Executiva do PSdeG e alcalde de Cerceda: “A Xunta renuncia a recursos clave mentres hai máis de 22.000 galegos inscritos no rexistro de vivenda social”
O secretario de Política Municipal do PSdeG e alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, criticou hoxe que Alfonso Rueda rexeitase participar no Plan de Vivenda 2026-2030 proposto polo Goberno de España na Conferencia de Presidente e que prevía un investimento total de 7.000 millóns de euros en colaboración coas comunidades autónomas.
“A negativa da Xunta deixa a Galicia sen acceso a novos recursos para ampliar o parque de vivenda protexida, nun momento no que hai máis de 22.000 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda”, advertiu. Ese rexistro, xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), reflicte unha demanda sostida e en aumento, fronte a unha oferta pública escasa e sen impulso por parte da Xunta.
O plan estatal incluía medidas como a declaración de vivenda protexida para toda a que reciba financiamento público, a creación dun rexistro público de prezos reais de compra e alugueiro, e a promoción de vivenda pública a través da colaboración cos concellos. “É unha proposta seria, con investimento do Estado asegurado e instrumentos reais. Pero unha vez máis, Rueda opta polo bloqueo”, sinalou Juan García.
Desde a súa experiencia como alcalde, advertiu que “sen o apoio da Xunta, os concellos non podemos afrontar sós a resposta ao problema da vivenda”. “O acceso a unha vivenda digna é xa un dos principais problemas sociais. As administracións deberiamos sumar, pero a Xunta decidiu restar”, engadiu.
“O que está en xogo non é un debate político, é unha necesidade real. E hoxe Galicia queda atrás porque Rueda escolle seguir o guión de Feijóo antes que defender aos galegos e galegas que están agardando por un fogar”, concluíu.