Patricia Otero recordou no Congreso que o Goberno de Touriño xa impulsou a proposta e os socialistas galegos defenderon a súa inclusión no pacto de investidura de 2023
A deputada criticou o afán do BNG por “patrimonilizar un acordo que é de dous”, incluso con cuestións que non figuran no documento
A deputada do PSdeG Patricia Otero defendeu esta tarde no pleno do Congreso a implantación dun servizo ferroviario de proximidade en Galicia como un obxectivo da axenda socialista. Durante o debate dunha iniciativa do Grupo Mixto agradeceulle ao deputado do BNG que levase á sesión “unha moción para falar do que xa está a facer o Goberno de España”, en referencia, entre outras cousas, ao estudo sobre a viabilidade do tren de proximidade que o Ministerio de Transporte está a piques de rematar. “Agradézolle que pasara de poñer deberes a recoñecer os avances”, dixo a parlamentaria socialista.
Con todo, lamentou que os nacionalistas queiran “patrimonializar un acordo de investidura que é de dous, porque nel tamén estivemos os socialistas de Galicia, e que incluso tenten patrimonializar o que non figura no acordo”.
Por outra banda, Otero valorou que a Galicia “vaille ben” cando goberna o PSOE, “e moi mal” cando goberna o Partido Popular, “incluso cun presidente e unha ministra de Infraestruturas galegos”, como foron Rajoy e Pastor. Criticou, ademais, que o PP sempre “impón unha Galicia de súas velocidades: a dos privilexiados e a dos olvidados, tamén no eido das infraestruturas”.
Tamén puxo como exemplos de que a comunidade “sempre avanza e gaña con presidentes socialistas” a chegada do AVE, a inclusión de Galicia no corredor atlántico ferroviario, do que quedaba fóra cando gobernaba o PP e que, agora, “por primeira vez tivo o mesmo orzamento que o corredor meditarráneo”, ou o investimento de 650 millóns na liña entre Lugo e Ourense, como tamén o antedito estudo para a implantación do servizo de proximidade, de xeito que “queda superada a vella resistencia que Renfe tiña en tempos do Partido Popular”. Lembrou, ademais, que “non é certo que o Bloque fose o único que puxo ese proxecto na axenda política, porque xa no ano 2007, sendo presidente da Xunta, Touriño propoñía e demandaba a creación dun sistema de proximidade”.
Aos populares recriminoulles, ademais, que se dedicasen “a boicotear, a meter nun caixón os proxectos xa aprobados por gobernos socialistas anteriores e a sementar a dúbida entre a cidadanía sobre a chegada dos avances do ferrocarril a Galicia, e que estivesen calados” cando gobernaba Rajoy, mentres que a día de hoxe “piden todo e máis para que se faga en tempo récord”.