
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez e a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, reuniron esta tarde ao grupo de Igualdade do PSdeG-PSOE onde se aprobou un manifesto que reclama máis garantías internas, canles seguras para denunciar e mecanismos efectivos de protección fronte ás condutas machistas
O PSdeG celebrou esta tarde na súa sede nacional unha reunión de traballo convocada por Lara Méndez e Silvia Fraga, na que participaron mulleres do Grupo de Igualdade do PSdeG-PSOE. No encontro aprobouse un manifesto que recolle a necesidade de fortalecer as garantías internas, reforzar os procedementos de actuación e consolidar espazos seguros para que calquera muller poida denunciar situacións de acoso ou comportamentos machistas dentro da organización.
O documento, que será remitido aos órganos competentes do partido, aposta por mellorar a transparencia dos procedementos, asegurar prazos claros, activar medidas cautelares proporcionadas e garantir acompañamento psicolóxico e xurídico ás mulleres que poidan verse afectadas. As participantes insistiron na importancia de manter estruturas internas sólidas, operativas e dotadas de recursos suficientes para actuar con axilidade en todos os casos.
Insistiron tamén no apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas “dentro e fora do noso partido”, e afirmaron “que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal”.
Trala aprobación do manifesto, Lara Méndez subliñou o compromiso político do PSdeG insistindo en que “somos o partido que máis avanzou na defensa da igualdade neste país. Todos os grandes pasos adiante deron comezo con gobernos socialistas, porque nós entendemos que a igualdade non se defende só con discursos, senón con feitos, normas claras e decisións valentes. Por iso reforzamos os nosos mecanismos internos e por iso tamén pedimos ao resto de partidos que fagan o mesmo.”
A dirixente socialista lembrou, ademais, que o PSOE foi pioneiro en habilitar un canal antiacoso interno, operativo e verificable, e convidou a todas as organizacións políticas a adoptar ferramentas similares para garantir protección efectiva e contornas libres de violencia.
Para pechar o encontro, as mulleres participantes insistiron na importancia de que o manifesto se converta nun documento útil e vivo, e que o traballo que recolle sirva para seguir avanzando nun partido máis seguro para as mulleres e máis igualitario.
MANIFESTO GRUPO DE IGUALDADE PSdeG-PSOE
O machismo segue a operar como un sistema estrutural que condiciona todas as dimensións da vida colectiva: institucionais, sociais, económicas e tamén políticas. As organizacións políticas non están fóra desta realidade e o PSOE, como forza comprometida coa igualdade e coa democracia, tampouco pode considerarse inmune ás lóxicas patriarcais que persisten e se reproducen cando non se desafían con decisión. Por iso, desde unha posición feminista clara, traballaremos para seguir dotándonos de mecanismos reais de transformación que garantan unha igualdade plena, efectiva e verificable, que aliñen os discursos coa práctica dos principios socialistas e feministas.
As mulleres do PSdeG-PSOE manifestamos o noso apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas dentro e fora do noso partido, afirmamos que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal. Cando estas dinámicas non se afrontan con contundencia, remátase protexendo ao agresor, desamparando as vítimas e poñendo en risco a credibilidade dun proxecto que sempre fixo da igualdade un piar democrático fundamental. Polo tanto aplicaremos a coherencia, firmeza e responsabilidade política que se espera do noso Partido como sempre se ten feito.
Por todo o exposto, propoñemos a adopción das seguintes medidas: