

Paloma Castro denunciou, ademais, deficiencias nas instalacións do GES, vulneración da normativa de riscos laborais e o incumprimento dunha resolución xudicial que obriga a manter quendas cun mínimo de tres efectivos
A deputada socialista criticou que se producen “desprezos e ameazas” por parte do alcalde do PP ao uns profesionais que traballan “en condicións de incerteza e con cadros de persoal insuficientes”
A deputada socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe en comisión parlamentaria á Xunta que garanta a prestación do servizo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo as 24 horas do día. “Hai un problema gravísimo, un alcalde que decide pechar o parque pola noite a maior parte do ano e uns traballadores que levan meses denunciando deficiencias nas instalacións, vulneración da normativa de riscos laborais e o incumprimento dunha resolución xudicial que obriga a manter quendas mínimas de tres efectivos”, denunciou. Segundo alertou, a situación é tal “que se hai unha emerxencia, o tempo de resposta increméntase, e así estanse poñendo en risco vidas”.
O GES de Sanxenxo presta servizo a ese municipio e aos do Grove, Meaño e Poio, polo que desempeña “un papel esencial na atención de emerxencias e para a seguridade dunha ampla área xeográfica” na que, ademais, se incrementa considerablemente a poboación en épocas vacacionais. De feito, “multiplícase por 10 en tempada estival”.
Porén, hai tempo que se veñen detectando “irregularidades” no seu funcionamento. Entre elas, Paloma Castro citou, a maiores das anteditas, “desprezos e ameazas” por parte do alcalde a uns profesionais “que son os primeiros en chegar” cando hai unha emerxencia e que traballan “en condicións de incerteza”, con cadros de persoal insuficientes. Prodúcese, ademais, a desatención das chamadas da cidadanía,
Segundo dixo, este problema nace do “conflito que o alcalde do PP vén mantendo con traballadores do GES”, e que está a tomar tales dimensións “que pon en risco a seguridade da veciñanza de todos eses concellos”.
Por outra banda, recordou que o GES de Sanxenxo se financia a través dun convenio entre o Concello, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, no que lle corresponden a esta última as tarefas de fiscalización e control “que o Goberno galego non está a facer”.
Por iso, esixiu que o Executivo de Rueda requira ao Concello de Sanxenxo que xustifique a decisión de limitar o servizo a 16 horas e que explique como garante a atención permanente das chamadas de emerxencia, tal como contempla o convenio vixente. Tamén que aperciba a esa Administración local da posible perda de achegas económicas en caso de incumprimento do convenio, que lle esixa garantías da prestación do servizo as 24 horas do día ao longo de todo o ano, que active a comisión de seguimento do convenio para velar polo seu cumprimento e lle reclame ao Concello toda a información e documentación que requiran a intervención xeral da comunidade autónoma e o Consello de Contas.