

Lara Méndez denunciou que desde hai tres anos o centro de saúde só conta cun facultativo dos dous que figuran no cadro de persoal, e que en períodos de vacacións ou cando se producen baixas ninguén atende aos pacientes
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta que cubra as todas as prazas de persoal do centro de saúde de Trabada, unhas instalacións que desde hai tres anos funcionan cun só médico dos dous que había ata 2023. Este “tivo que asumir a totalidade da carga de traballo, co estrés laboral que implica”, tras a xubilación do seu compañeiro, “que non foi substituído en ningún momento” pese a que se trataba Dunha situación “previsible”.
A deputada do PSdeG denunciou no pleno da Cámara autonómica que o Goberno de Rueda está obrigando á veciñanza a “unha nova viaxe da dor”, como as que se producen en diferentes puntos da xeografía galega ante a falta de sanitarios nos ambulatorios. Neste caso, en momentos de vacacións ou cando se producen baixas, hai pacientes que, cando chegan ao centro de saúde, son derivados a Ribadeo, un desprazamento no que invisten media hora. Mais, tal como explicou, hai ocasións nas que tampouco poden ser atendidos alí e deben sumar outra media hora de viaxe ata o hospital de Burela.
Tal como advertiu Méndez, o problema é aínda máis grave se se ten en conta que en Trabada hai unha residencia de maiores con 39 usuarios e usuarias, que deben ser atendidos no propio centro de saúde da localidade. A iso engádese que unha elevada porcentaxe dos e das residentes no municipio superan os 65 anos, de modo que se trata dunha poboación “altamente demandante de atención médica e de coidados de enfermaría, con casos de atención domiciliaria”.
A parlamentaria socialista lembrou que a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña xa ten trasladado en numerosas ocasións esa situación e mesmo se ten manifestado para reclamar uns servizos sanitarios dignos en Trabada, coa concreta reclamación de dúas prazas de medicina de familia “cubertas todos os días e durante a quenda completa”.