Desde o Concello de Láncara, os socialistas denuncian que o actual modelo de brigadas municipais é precario, improvisado e ineficaz, e defenden a creación dun corpo público estable e profesional dependente da Xunta
Criticaron que se contrate persoal só durante tres meses, en plena tempada de alto risco, e que se lle dea un curso exprés de 16 horas para logo mandalos á boca do lobo, fronte a incendios de quinta xeración: “É unha auténtica temeridade”
O PSdeG reclamou hoxe en Láncara un cambio profundo e urxente no modelo de loita contra os incendios forestais. Os socialistas insisten en que Galicia precisa dun servizo único, estable e profesionalizado de prevención e extinción, dependente da Xunta de Galicia, que poña fin dunha vez á precariedade, á improvisación e ao abandono que sofren os concellos.
O alcalde en funcións de Láncara, Pablo Rivera, sinalou que no seu concello: “A brigada municipal tivo que renunciar por falta de recursos e a carroceta só estivo dispoñible un día durante toda a vaga de lumes. É a proba máis evidente de que o sistema actual non funciona nin está dimensionado para as necesidades reais”.
Rivera advertiu que “os concellos non podemos seguir asumindo competencias que lle corresponden á Xunta. O que non se pode facer é lexislar dende Santiago e logo deixarnos sen medios, obrigándonos a afrontar situacións tan graves con ferramentas claramente insuficientes”.
Lara Méndez: “A Xunta fuxe das súas responsabilidades e asfixia aos concellos”.
Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, foi contundente: “O sistema das brigadas municipais é un parche precario. Contrátanse catro ou cinco persoas durante só tres meses e, ademais, son os concellos quen deben poñer os vehículos, os seguros, os EPI e toda a xestión. A Xunta limita a súa achega a 40.000 euros como máximo, e logo dáse media volta. É un agravio para as arcas municipais e unha mostra da súa deixadez”.
Méndez tamén puxo o acento no engano do PP: “Publicaron agora en agosto convocatorias de prazas que xa pertencían á oferta de emprego de 2023. Todos sabemos que esas prazas non estarán dispoñibles este verán, cando o monte arde cada día. É propaganda electoral, non planificación”.
Dacosta: “É unha temeridade mandar brigadistas con só 16 horas de formación”
Por último, a portavoz do eido forestal do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, elevou o ton da denuncia: “Non pode ser que se contrate persoal só durante tres meses, en plena tempada de alto risco, e que se lle dea un curso exprés de 16 horas para logo mandalos á boca do lobo, fronte a incendios de quinta xeración. Iso é unha auténtica temeridade”.
Dacosta recordou tamén a caída dramática das brigadas: “No 2016 había 263 brigadas municipais. No 2023 quedaban 151. É un modelo roto, que perde efectivos cada ano, mentres Rueda presume de cifras irreais. Falou de 7.000 operativos, cando o propio Pladiga recolle pouco máis de 5.100 e a realidade é que nunca pasaron de 3.500 nunha mesma xornada”.
E engadiu unha crítica demoledora: “A Xunta leva aos capataces das brigadas municipais para as súas, e deixa ás brigadas locais descabezadas. Iso si que é improvisación, inseguridade e falta de respecto polo traballo dos brigadistas”.
Chamamento a un novo modelo
Tanto o alcalde en funcións como as deputadas concordaron que “Galicia necesita un corpo público propio, estable e profesional, con formación axeitada e medios suficientes, que funcione todo o ano. Non máis temporalidade, non máis improvisación, non máis propaganda”.
Ao remate, os socialistas tiveron palabras de ánimo para os brigadistas e traballadores forestais feridos nos últimos días. “A eles enviámoslles toda a nosa forza e o noso ánimo, desexándolles unha recuperación rápida e completa. Galicia enténdese tamén dende o esforzo e a valentía de quen loita cada día contra o lume”.