O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou que “o que está a acontecer é unha masacre contra o pobo palestino e ninguén pode manterse neutral” . De aí, sinalou, a petición dun minuto de silencio e unha declaración institucional en contra do xenocidio
O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou esta mañá no Parlamento de Galicia unha solicitude formal para que todos os grupos da Cámara garde un minuto de silencio en memoria das vítimas inocentes da masacre en Gaza e Cisxordania, ademais de demandar unha declaración institucional de apoio ao pobo palestino e contra a masacre que está a sufrir de mans do estado de Israel.
A iniciativa, asinada polo voceiro socialista José Ramón Gómez Besteiro, lembra que nos últimos meses a situación “agravouse ata límites insoportables: milleiros de persoas inocentes —entre elas máis de 20.000 nenos e nenas— foron asasinadas, os seus fogares arrasados e as condicións mínimas de vida destruídas”. O que está a acontecer, dixo Besteiro, “é unha masacre, un verdadeiro xenocidio contra o pobo palestino”.
O voceiro do Grupo Socialista denunciou que o Estado de Israel practica un exterminio sistemático, con bombardeos indiscriminados e con asasinatos de nenos e nenas todos os días: “É unha brutalidade que temos que condenar constantemente, sen descanso e sen caer na mínima compracencia”.
Na súa solicitude, o Grupo Socialista insta á Cámara galega a expresar “a solidariedade coa dor que sofren milleiros de persoas, o rexeitamento desta violencia indiscriminada e o apoio aos esforzos da comunidade internacional para acadar unha paz xusta e duradeira na rexión”.
Besteiro apelou tamén a sociedade galega e á comunidade internacional: “O que pedimos é un alto ao fogo inmediato e que se respecte o dereito á vida do pobo palestino. Cómpre unha mobilización permanente da sociedade civil e a máxima presión diplomática para parar esta barbarie”.