Patricia Iglesias valorou que a comunidade autónoma “sae reforzada” coa nova planificación eléctrica do Goberno, mentres o proxecto de Altri, “mimado e abandeirado polo señor Rueda”, acumula “tres nons rotundos”
A deputada do PSdeG demandoulle ao Goberno do PP o cumprimento rigoroso dos requisitos medioambientais, económicos e de impacto social na tramitación das iniciativas de interese estratéxico e que garanta o acceso da cidadanía á información
A portavoz socialista de Enerxía e Industria no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe á Xunta que promova proxectos industrias “que xeren emprego de calidade, con innovación, con modernización para o país e que constrúan un futuro sostible”. A deputada do PSdeG defendeu no pleno de hoxe unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno do PP a garantir o cumprimento rigoroso dos requisitos medioambientais, económicos e de impacto social na tramitación das iniciativas de interese estratéxico.
Para elo, reclamou mecanismos independentes de avaliación que eviten o menoscabo das garantías medioambientais, que favorezan o acceso da cidadanía á información e que faciliten a súa participación efectiva nos procesos de avaliación, como tamén a das entidades locais e organizacións sociais. O obxectivo é “evitar a declaración de PIE de proxectos que non cumpran as condicións mínimas de viabilidade económica, compatibilidade ambiental e aceptación social”.
Fronte ao que cualificou como “fracaso industrial” dun Goberno galego que “é sinónimo de inercia e improvisación”, Iglesias valorou que Galicia “sae reforzada na nova planificación eléctrica 2025-2030”, impulsada polo Executivo central. A parlamentaria socialista sinalou que, en contra das falsas afirmacións do PP, “Galicia non se desenchufa; o que se desenchufa é o proxecto de Altri, mimado e abandeirado polo señor Rueda”.
“Altri acumula tres nons rotundos: non é viable economicamente, non é viable socialmente e agora sabemos que tampouco é viable tecnicamente, porque a nova planificación eléctrica non recolle ningunha subestación nin infraestrutura que permita o seu subministro enerxético”, repasou.
Tres reforzos na rede eléctrica en Lugo
“Non se desenchufa Lugo nin Galicia, senón un proxecto contaminante, inviable e sen encaixe no futuro industrial sostible que precisa o noso país”, insistiu. “De feito, na provincia luguesa inclúense reforzos da rede eléctrica en Xove, Boimente e Ludrío”, recordou.
Patricia Iglesias destacou que Galicia “sae reforzada” cos máis de 300 millóns de euros de investimento directo por parte do Estado para un “desenvolvemento industrial sostible, a creación de emprego de calidade e a modernización das infraestruturas enerxéticas”.
Subliñou tamén que o Goberno de España está apoiando a Galicia con proxectos “reais e sostibles” coma os de hidróxeno verde para As Pontes e Meirama, o Triskelion de metanol verde, a fábrica de bioenerxía autosuficiente de Norvento en Lugo, a primeira iniciativa pública de IA no Cesga ou “decenas de proxectos de repotenciación eólica”. Salientou, ademais, que Galicia recibiu máis de 4.000 millóns de euros procedentes dos PRTR.
Mentres, o Goberno galego “non puxo un só euro propio enriba da mesa, nin a través do Igape, nin de Xesgalicia, nin das súas sociedades mixtas Impulsa e RdG”, das que apuntou que “nin impulsan nin dinamizan nada”.
“Caos eólico” e perda de peso industrial de Galicia
A iso engadiu o “caos eólico” que provocou o PP, con 90 parques suspendidos, “investimentos millonarios bloqueados, perda de emprego e risco real para a viabilidade de proxectos industriais que precisan enerxía limpa e estable”. “O peso do sector industrial galego na economía segue en retroceso, cunha perda de 1,5 puntos sobre o PIB na última década, e sitúase xa por debaixo da media española”, criticou a deputada socialista sobre unha situación que é “culpa da falla de políticas do Goberno galego”.