
O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Aitor Bouza, reclamou a Rueda que atenda as demandas das ANPAS e poña fin á falta de profesorado para necesidades específicas de apoio educativo
O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Aitor Bouza, participou hoxe no inicio da manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en Compostela para atender a chamada das ANPAS galegas e trasladar o apoio do PSdeG ás súas reivindicacións.
Bouza explicou que a presenza do Grupo Socialista na mobilización responde ao traballo que levan facendo no Parlamento “non só nestas últimas semanas, senón durante todos estes meses”, levando ás institucións as demandas da comunidade educativa.
O deputado dirixiuse ao presidente da Xunta para pedirlle que “atenda todas esas reclamacións que se están facendo dende as ANPAS galegas” e que garanta que o alumnado con necesidades educativas “poida ter unha educación de calidade en igualdade real e efectiva”.
“O que pedimos hoxe é compromiso con estes alumnos e alumnas. Non son porcentaxes nin números, son persoas”, sinalou. E engadiu: “Unha inclusión sen medios suficientes é un absoluto fraude”.
Bouza insistiu en que non poden repetirse os recortes nin a falta de profesorado para necesidades educativas que tanto dano están facendo, e reclamou máis persoal e mellor dotación nos centros para que a inclusión sexa algo real.
O voceiro socialista estivo acompañado pola tamén deputada Patricia Iglesias e varios membros da agrupación socialista de Santiago. Ademais, na concentración celebrada na Coruña participou a deputada socialista Silvia Longueira, que trasladou igualmente o apoio do PSdeG ás reivindicacións da comunidade educativa.