
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reitera a petición de comparecencia urxente de Diego Calvo no Pleno e denuncia que a Xunta priorice a seguridade de Rueda en actos públicos fronte á das mulleres ameazadas
Santiago, 5 de decembro de 2025. A portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao Goberno galego de “traspasar unha fronteira institucional e ética que nunca se debería cruzar” ao persistir nas declaracións do conselleiro Diego Calvo sobre a posible retirada de 13 policías adscritos que dan cobertura a vítimas de violencia machista.
Castro lembrou que “42 mulleres foron asasinadas en España este ano, dúas delas en Galicia, e máis de 6.000 galegas viven baixo seguimento policial”. “Neste contexto introducir unha mínima dúbida sobre a continuidade da protección é algo profundamente irresponsable e politicamente imperdoable”, sinalou.
A deputada subliñou un dato que, por si só, explica a gravidade da situación: “A Policía Adscrita ten hoxe máis de vinte axentes destinados a acompañar e protexer ao presidente Rueda en actos públicos e só 13 para salvagardar a vida de mulleres baixo ameaza real. Esa é a prioridade da Xunta. Non fai falta cualificativos: basta con ver as cifras.”
Castro fixo fincapé en que Calvo non rectificou e, ao contrario, hoxe reafirmou publicamente a súa posición: “Non é unha frase desafortunada, nin un mal día. Non é unha confusión. É unha decisión política asumida e defendida. E é unha decisión que afecta directamente á seguridade das vítimas e da que terá que dar tamén explicacións o presidente Rueda, como pediu onte o noso voceiro”.
A deputada advertiu que esta actitude “coloca a Xunta nun terreo que un goberno responsable non debería pisar nunca: o da utilización de mulleres en risco como elemento de presión partidaria”. E engadiu: “Cando o que está en xogo son vidas, non hai marxe para tácticas políticas”.
“O presidente ten que decidir se garante de forma inequívoca a protección das vítimas ou se as converte nunha variable dunha negociación política. Non hai termo medio. Con esto non se xoga, como dixo onte Besteiro”.
Por todo iso, Paloma Castro reitera a petición de comparecencia urxente de Diego Calvo no Pleno do Parlamento, para que “explique sen evasivas cal é a postura real do Goberno galego e cales son as garantías efectivas para as mulleres nesta situación”.
“A mensaxe institucional debe ser clara porque en Galicia as mulleres en risco deben de estar protexidas sen condicións, sen ameazas e sen cálculos políticos. Calquera outra postura é inaceptable”, asegurou.