Paloma Castro advirte que Galicia segue á cola en reciclaxe e pide un novo sistema no que o vertido e a queima sexan a excepción, non a regra
Os socialistas propoñen unha folla de ruta compartida coa FEGAMP e as universidades para avanzar cara ao vertido cero antes de 2030
A deputada socialista Paloma Castro rexistrou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei coa que insta á Xunta a abandonar o actual modelo de tratamento de residuos, centrado na incineración, e a impulsar un gran pacto de país que marque un novo rumbo cara á economía circular.
A proposta chega despois de que o presidente Alfonso Rueda anunciase un investimento de 100 millóns de euros ata 2030 para desenvolver a folla de ruta da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). Para o PSdeG, ese plan consolida un sistema obsoleto, que deixa a Galicia moi por detrás do resto do Estado no cumprimento dos obxectivos ambientais que fixa a lexislación europea.
“A incineración non pode seguir sendo o centro da política de residuos en Galicia”, sinalou Castro. “Hai fondos europeos enriba da mesa e hai capacidade técnica no país para avanzar noutro modelo, pero o Goberno da Xunta segue escollendo a vía equivocada”.
O texto rexistrado propón que ese novo modelo se constrúa de forma consensuada, da man da FEGAMP e das universidades galegas, e que se basee na prevención, na redución do lixo e na reciclaxe, relegando a incineración a un papel subsidiario. O obxectivo final: acadar o vertido cero e cumprir cos compromisos marcados pola UE antes de 2030.
Desde o PSdeG aseguran que o camiño debe ser colectivo e non partidista. “O pacto que propoñemos vai máis alá das siglas. É unha proposta de país para deixar atrás un sistema ineficaz e apostar por un modelo sostible, xerador de emprego e aliñado co que xa están facendo outras comunidades”, concluíu a deputada socialista.