A deputada Paloma Castro reclama que se respecte o dereito á subrogación e se evite un recorte de emprego que a Xunta nin xustifica nin explica
O Grupo Socialista vén de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta rectifique e corrixa “unha decisión que, sinceramente, ninguén entende: deixar fóra 13 traballadores nos novos contratos de mantemento da autovía do Salnés, a AG-41”.
A deputada socialista Paloma Castro explicou que o Goberno galego publicou en xuño os novos pregos para a conservación da rede autonómica de estradas e, “sen dar moitas explicacións”, eliminou 13 postos de traballo no lote 6 (Pontevedra Norte), onde a Xunta integrou agora o mantemento da AG-41 tras o rescate da concesión. “Son persoas que levan anos facendo o mantemento desta vía. Que pasa agora con elas? Van quedar na cuneta mentres a Xunta di que todo está ben?”, preguntouse.
O certo é que os traballadores intentaron facelo todo pola vía formal: presentaron escritos, agardaron respostas, e incluso acudiron ao TACGAL para frear o proceso, pero a realidade é que ninguén os escoitou. “É desesperante. Porque detrás de cada praza que se suprime hai un nome, unha familia, unha historia”, subliñou Castro.
A proposta socialista inclúe unha Proposición non de lei para o Pleno, ademais de preguntas e unha interpelación directa ao Goberno galego. O obxectivo é que a Xunta modifique os pregos de licitación e recoñeza o dereito á subrogación, como marca a lei “e como sería de xustiza”.
“Non pode ser que Feijóo e Rueda veñan presumindo de rescatar autovías e logo deixen tirados aos traballadores que as manteñen día a día, chova ou faga sol”, afirmou a deputada. E engadiu: “Isto non vai de cifras nin de contratos. Vai de persoas. E de decencia”.