
O Grupo Parlamentario Socialista advirte de que Galicia empeora mentres a Xunta acumula anuncios sen executar
Denuncian a sobrecarga de competencias nos concellos sen financiamento e avanzan alternativas centradas nos servizos públicos
Lara Méndez sinalou que o único impulso industrial da Xunta foi “meter unha macrocelulosa no corazón de Galicia” e que aínda non se sabe canto custará “o caprichito de Rueda”
O Grupo Parlamentario Socialista fixou hoxe o posicionamento co que acudirá ao Debate do Estado da Autonomía da próxima semana, advertindo de que Galicia chega a esta cita cun balance “claramente insuficiente” por parte do presidente da Xunta.
A vicevoceira socialista, Lara Méndez, iniciou a súa intervención cun recordo á percebeira falecida esta mañá en Baroña, arrastrada por un golpe de mar mentres traballaba, e trasladou o pésame do grupo. Subliñou que se trata dun “recordatorio doloroso” do que cada día arriscan os profesionais do mar e reclamou máis protección, máis medios e condicións dignas para un sector que segue exposto a riscos extremos.
A partir de aí, Méndez situou o Debate do Estado da Autonomía nun contexto de deterioro evidente dos servizos públicos e de falta de respostas por parte da Xunta. “Galicia chega a este debate peor do que estaba. Os problemas medran e o Goberno segue instalado na propaganda”, advertiu.
A sanidade pública volverá ser un dos eixos centrais: “As listas de espera non deixan de aumentar e hai centos de miles de galegos e galegas agardando por unha consulta, unha proba ou unha operación. Isto xa non é algo puntual, é o pan de cada día de milleiros de persoas e a Xunta non o está afrontando”.
No ámbito da vivenda, a socialista denunciou que o Executivo galego “nin sequera é capaz de executar os seus propios orzamentos”, deixando sen resposta a máis de 31.300 familias: “Anúncianse plans, pero non se abren vivendas públicas e os prezos do alugueiro seguen disparados. Hai moita propaganda e pouca realidade”.
Méndez puxo tamén o foco na execución orzamentaria como síntoma das prioridades do Goberno galego. “Cando un goberno deixa sen executar boa parte dos fondos destinados a vivenda, emprego ou formación, está dicindo claramente cales son as súas prioridades”.
No plano económico e industrial, foi especialmente crítica coa falta de proxecto de país: “O único que vimos nestes anos foi intentar meter unha macrocelulosa no corazón de Galicia, sen consenso, sen garantías e sen cumprir cos criterios básicos”. Advertiu ademais de que este episodio pode ter consecuencias económicas para Galicia. “A día de hoxe nin sequera sabemos canto nos vai custar o caprichito de Rueda. Ese é o nivel de improvisación co que se toman decisións estratéxicas neste país”.
A vicevoceira socialista tamén cuestionou a resposta da Xunta ante o contexto internacional e económico actual. “Chegan tarde e mal para paliar os efectos dunha guerra que foron os primeiros en aplaudir. Presentan plans que quedan moi lonxe do que están a facer outros territorios, mentres aquí seguimos sen unha estratexia clara. E lembrou que 157 millóns, a maioría deles en créditos, non en axudas directas, “non dan para moito”.
Outro dos bloques da intervención centrouse na financiación local, que cualificou directamente de “abandono absoluto”. “A Xunta leva anos descargando sobre os concellos competencias que non lles corresponden, obrigándoos a asumir servizos que son autonómicos sen financiamento. Isto non é colaboración institucional, é pasarlles o problema aos alcaldes e alcaldesas”.
Neste sentido, advertiu de que os concellos están a facer de “rede de seguridade” coa súa propia capacidade económica. “Están sostendo servizos básicos mentres a Xunta se desentende. E iso ten un custo que alguén está pagando e non é a Xunta”. Para Lara Méndez a nova Lei de Financiamento Local non deixa moito espazo á esperanza.
Alertou da falta de previsión en materia de incendios forestais xa que, dixo, “estamos a estas alturas sen planificación clara e co monte xa ardendo en distintos puntos. Os lumes non esperan, pero a Xunta si. Chegamos outra vez tarde e coa mesma improvisación de sempre e o Pladiga sen aprobar a 31 de marzo”.
Fronte a este escenario, a vicevoceira do Grupo Socialista avanzou que levarán ao Debate do Estado da Autonomía propostas concretas para reforzar a sanidade pública, garantir o acceso á vivenda, apoiar ás familias e establecer un novo marco de financiamento xusto para os concellos. Méndez sinalou que Galicia precisa “un goberno que priorice, que execute e que dea respostas reais aos problemas da xente, porque o que está en xogo é calidade de vida dos galegos e galegas e foi a peor”.