
O eurodiputado Nicolás González Casares anuncia novas iniciativas en Bruxelas para que a UE analice a situación da CRTVG (agora CSAG), despois de que Silvia Longueira debuxase unha corporación marcada por máis de 450 sentenzas xudiciais, lastrada polo pago de 60 millóns de euros en conflitos laborais e unha caída histórica da audiencia
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026. O eurodeputado socialista Nicolás González Casares anunciou esta mañá que o PSdeG levará a Bruxelas a situación dos medios públicos de Galicia para que analice se a nova Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual garante realmente a independencia e o pluralismo informativo.
Casares explicou que os socialistas impulsarán novas iniciativas no Parlamento Europeo e trasladarán tamén esta cuestión á Comisión Europea para que siga de preto o que está a acontecer na corporación pública galega.
O eurodeputado lembrou que a liberdade de prensa e o pluralismo informativo son un dos mellores indicadores da saúde democrática e advertiu de que a normativa europea establece garantías claras para evitar o control político dos medios públicos.
Por iso advertiu de que “non imos aceptar que se utilicen os medios públicos como ferramenta partidista como está a facer o PP nin que Europa mire cara outro lado”, e insistiu en que as institucións comunitarias deben comprobar se en Galicia se están respectando os estándares europeos en materia de liberdade de medios, “que xa sabemos que non”.
Casares subliñou que o obxectivo destas iniciativas é garantir que os medios públicos galegos cumpran o seu papel de ofrecer información plural, independente e ao servizo da cidadanía.
Antes desta intervención, a portavoz socialista Silvia Longueira debuxou o panorama actual da televisión e da radio públicas galegas, poñendo enriba da mesa unha serie de datos que, segundo explicou, permiten entender a dimensión completa do problema.
Longueira lembrou que a corporación que xestiona a TVG e a Radio Galega conta con preto de mil traballadores e cun orzamento que este ano alcanza os 140 millóns de euros. Porén, advertiu de que detrás destas cifras hai unha realidade marcada pola conflitividade laboral, os procesos xudiciais e a perda progresiva de audiencia.
Segundo explicou, desde 2009 acumúlanse arredor de 450 procedementos laborais perdidos nos tribunais, “unha cifra que evidencia anos de conflito entre a dirección da corporación e o seu persoal”.
O impacto económico destas disputas é tamén moi elevado: “Se se suman indemnizacións, atrasos salariais, regularizacións e custas xudiciais acumuladas durante anos, distintas investigacións sitúan o custo total destes conflitos por riba dos 60 millóns de euros de diñeiro público”.
A portavoz socialista puxo tamén o foco nas mobilizacións do persoal. Os chamados Venres Negros levan xa máis de 400 semanas consecutivas, unha protesta que naceu para denunciar manipulación informativa e que continúa activa anos despois.
A isto súmase a evolución das audiencias: “No Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño a TVG movíase arredor do 13 ou 14 por cento de share e era líder en Galicia. Nos últimos anos, pola contra, a caída é brutal”. “En 2024 a audiencia baixou ata o 8,6 por cento, e en 2025 situouse no 8,4 por cento, o peor dato da historia da canle. Nalgúns momentos chegou mesmo a caer ata o 7,7 por cento”.
Para Longueira, todos estes datos permiten entender con claridade a situación actual da corporación: “Non estamos só ante un conflito laboral. Estamos ante un problema democrático”, advertiu.
A portavoz socialista lembrou que os medios públicos existen para garantir información plural, rigorosa e ao servizo da cidadanía. Por iso, e ante a falta de respostas no Parlamento galego, os socialistas decidiron dar un paso máis e levar este debate tamén ao ámbito europeo.