Carmen Rodríguez Dacosta denunciou que o pasado mércores, xusto cando se iniciaba o incendio que queimou 300 hectáreas na Cañiza, María José Gómez atopábase no aniversario do senador do PP Juan Carlos Serrano, durante o que se exaltou a figura do presidente de EE.UU. que está a danar ao agro galego coa imposición de aranceis
A deputada socialista censurou que ese mesmo día, no momento que comezou a festa, que tivo lugar nunha zona de Portomarín rodeada de monte, permanecían activos outros lumes en Arbo, Carballeda de Avia, Carballedo, Meaño e Salvaterra do Miño, cun total de 155 hectáreas arrasadas
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou hoxe a actitude da conselleira de Medio Rural, que en plena época de incendios forestais participou nunha festa na que se lanzaron bombas de palenque nun lugar rodeado de monte. E non só iso, senón que a celebración, con motivo do aniversario do senador do PP Juan Carlos Serrano, converteuse nunha exaltación da figura do presidente de Estados Unidos, que está a prexudicar gravemente os intereses do agro galego coa imposición de aranceis. Todo iso quedou recollido en vídeos e imaxes nos que aparece a conselleira e que se difundiron a través das redes sociais.
Mentres se iniciaba o incendio da Cañiza, que ata hoxe arrasou 300 hectáreas, e permanecían activos lumes que xa queimaran un total de 155 hectáreas máis en Arbo, Carballeda de Avia, Carballedo, Meaño e Salvaterra do Miño, María José Gómez “festexaba unha cerimonia de estética trumpista”, lamentou Dacosta, para a que ese feito resulta “especialmente ferinte” no medio dunha “situación dramática” como a que estaban a enfrontar moitos veciños e veciñas deses concellos. Esa mesma tarde tiveron que ser confinados sete núcleos de poboación na Cañiza.
A parlamentaria do PSdeG mostrou a súa solidariedade cos afectados e afectadas polos lumes e trasladoulles o “recoñecemento e gratitude” do Partido Socialista ás persoas que integran os equipos de extinción e ás forzas de seguridade, que estes días “están a dar o mellor de si, en moitos casos, en condicións de traballo precarias”.
Iso contrasta co “comportamento frívolo e despreocupado” de quen ten a responsabilidade de actuar contra os incendios e previlos. “Unha vez máis hai que poñer sobre a mesa a problemática de fondo que orixina esta situación, que é unha errática e minguante xestión forestal”, sinalou a deputada socialista como cuestión de fondo. Carmen Rodríguez Dacosta xa avanzou que levará ao Parlamento novas iniciativas para debater sobre o problema “unha vez que estean controlados todos estes lumes forestais”.
O último de gravidade orixinouse onte en Vilardevós. Segundo os datos que ofrece a propia Xunta, desde o venres á noite xa consumiu 570 hectáreas. Seguen activos tres en Ponteceso (220 hectáreas en total), e o antedito da Cañiza, que obrigou á intervención da Unidade Militar de Emerxencias e neste momento xa puido ser estabilizado.