Carmen Rodríguez Dacosta sinalou que o que acaban de advertir os sindicatos “confirma o que vimos dicindo ano tras ano, que hai unha total falta de previsión”
“Cando onte reclamábamos transparencia, tamén nos referíamos a isto, a que se informe e se asuman responsabilidades en lugar de desviar a atención”, dixo a deputada socialista
A deputada do PSdeG Carmen Dacosta manifestou hoxe a súa preocupación pola denuncia que acaban de realizar os sindicatos en relación coa existencia de preto de 200 prazas vacantes no servizo galego de prevención de lumes “en plena catástrofe incendiaria”. A portavoz socialista de política forestal no Parlamento Galego lamentou que esa información “confirma o que vimos dicindo ano tras ano, que hai unha falta de previsión na cobertura de prazas”, ante a que a Consellería de Medio Rural se viu “obrigada” a facer “un chamamento urxente” para contratar persoal.
Dacosta sinalou que, precisamente, “cando onte reclamábamos absoluta transparencia, tamén nos referíamos a isto, a que se informe e se asuman responsabilidades en lugar de desviar a atención”. Nese senso, cualificou de “incongruencia” que Rueda e Feijoo “reclamen máis medios ao Estado mentres a Xunta mantén sen cubrir na súa totalidade as prazas do servizo galego de prevención e extinción”.
Para a parlamentaria socialista, “non se pode seguir traballando con improvisación cando está en xogo a seguridade do persoal, a eficacia do dispositivo e a integridade das persoas e os seus bens”. Por iso, reclamou “planificación e estabilidade” para un servizo que debe ser “profesional” e estar “ben equipado para enfrontar o reto que presentan os incendios forestais”.
Segundo veñen de denunciar as centrais sindicais, xa se advertira da situación hai máis dun mes, antes de que comezara a vaga de incendios que asola Galicia e está a arrasar o Macizo Central ourensán. Afirman que desde entón véñense producindo, por parte da Consellería, chamamentos, ata un total de 15, o último deles en plena ponte de festivos.
O que aspira a cubrir agora Medio Rural son 117 postos de persoal funcionario e 81 de persoal laboral. Trátase tanto de prazas sen cubrir como de baixas de longa duración, advirten os sindicatos. Só na provincia de Ourense, suman preto de 60 vacantes. Tal como figura nas listaxes, faltan xefes de brigada, condutores, emisoristas e bombeiros forestais. Estes últimos suman, no total de Galicia, máis de 120 postos sen cubrir.