

Silvia Longueira explica que a día de hoxe o Concello non ten “residencia de maiores, non hai implantación da industria prometida nin reforzo do transporte e o territorio está máis afastado dos servizos públicos”
A deputada socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe ao goberno galego que cumpra “tódolos compromisos” recollidos no documento base da fusión dos concellos de Oza e Cesuras, impulsada no ano 2013 polo Goberno de Feijóo. Longueira presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que advertiu que logo de 13 anos os veciños e veciñas “non saben nada máis” daquelas promesas.
Longueira advertiu que “non hai residencia de maiores, non hai reforzo do transporte, non hai novas empresas implantadas no territorio e a poboación segue descendendo” a pesares dos anuncios do goberno galego.
O documento base da fusión incluía a construción dunha residencia da terceira idade no parque municipal do antigo sanatorio do Paraxón, na parroquia de Bragade, que leva dous anos pechado e os maiores só dispoñen dun microbús entre Cesuras e o centro de día de Oza dos Ríos sen horario coñecido, polo que os veciños e veciñas “nunca saben cando vai pasar”.
A deputada puntualizou ademais que a única escola infantil existente foi promovida polo Goberno de España durante a etapa de José Luis Rodríguez Zapatero, a través dun convenio entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Benestar, e “non responde a ningún compromiso específico derivado da fusión”.