
Carmen Rodríguez Dacosta reclamou un programa de formación en competencias clave para combater o desemprego crónico, “que afecta sobre todo a mulleres e a maiores de 45 anos”
A deputada socialista criticou o “triunfalismo” do Goberno de Rueda e acusouno de “ignorar” a un terzo das persoas que buscan traballo
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta advertiu hoxe en comisión parlamentaria que “Galicia precisa un cambio real en política de emprego”. Dacosta defendeu unha iniciativa a través da que o Grupo Socialista reclama “un plan de choque específico para a inserción laboral das persoas desempregadas de longa duración”, con formación en competencias clave, o reforzo dos servizos públicos de emprego, un orzamento “plurianual, estable e suficiente” para garantir a execución das medidas previstas e mecanismos de avaliación para verificar o seu impacto.
A portavoz socialista de Emprego sinalou que en Galicia hai 33.400 parados e paradas de longa duración (arredor dun terzo das persoas en situación de desemprego), aos que o Goberno de Rueda “ignora” mentres exhibe o seu “triunfalismo” polo descenso do paro global. Entre eses desempregados e desempregadas, “máis de 22.000 levan cando menos dous anos buscando traballo”, precisou, e que subliñou que, tal como confirma a enquisa de poboación activa (EPA), trátase dun problema “estrutural” contra o que a Xunta “non ten plan”.
Para Rodríguez Dacosta, o desemprego de longa duración “non é unha estatística, senón un síntoma”. “É o resultado de políticas incoherentes e da falta de planificación dun Goberno do PP que leva anos presumindo de datos que non reflicten a realidade de quen máis sofre”, remarcou. Por iso, o Grupo Socialista propón “unha alternativa seria, realista e viable” pensada “para non deixar a ninguén atrás” e facer que a comunidade autónoma deixe de contar “cunha das maiores taxas de paro de longa duración de España”.
A parlamentaria socialista púxolle cifras ao problema. “Galicia ten 102.600 persoas desempregadas. 33.400 levan máis dun ano en paro. 22.100 levan dous anos ou máis. É dicir un terzo do paro galego é de longa duración, e máis dun quinto desas persoas levan cando menos dous anos sen lograr reincorporarse ao mercado laboral”, apuntou. A iso engadiu que Galicia “continúa tendo un mercado laboral menos dinámico que a media estatal, cunha taxa de actividade do 53,8 %, moi inferior ao 59,3 % do conxunto de España”, e, por outra banda, “segue habendo unha fenda de xénero, cun 9 % de paro feminino fronte ao 7 % no caso dos homes”.
Dacosta insistiu en que a mellora global do emprego non vai facer que se reduza o volume de paro de longa duración, senón que é precisa “unha intervención pública potente” para axudar ás persoas que máis o precisan. Porén, “o drama é que Galicia non ten un plan para elas, non o tivo en 15 anos”, lamentou.
Tamén detallou a proposta do Grupo Socialista, que consiste “nun plan de choque real, non propaganda”. O “primeiro chanzo” é a formación en competencias clave “que determinan que unha persoa poida acceder a un certificado de profesionalidade, é dicir, ao único itinerario formativo que permite adquirir unha cualificación recoñecible, homologada e axustada ás necesidades das empresas”. Na actualidade, hai milleiros de persoas en Galicia que non poden acceder a formación cualificadora “porque non teñen esas competencias clave, e non é culpa delas, é culpa dun sistema que non identifica a tempo esa necesidade e non ofrece recursos”, lamentou.
Entre outras medidas, salientou a necesidade de establecer prácticas que consoliden unha experiencia laboral “de mínimo seis meses a tempo completo”, xa que as prácticas “curtas, mal planificadas e mal supervisadas non funcionan”. Tamén o acceso “universal” á formación ligada a certificados de profesionalidade. “Todos, non só unha parte”, insistiu.
A proposta socialista inclúe, ademais, incentivos ás empresas que contraten a persoas que leven máis de 24 meses en paro, “priorizando mulleres, maiores de 45 anos e familias con responsabilidades, e con especial atención ao rural, onde o desemprego crónico se converte nunha trampa vital imposible de superar sen apoio público”. Tamén o reforzo dos servizos públicos de emprego para facilitar “un seguimento real”, un orzamento plurianual estable que sustente unha “estabilidade, continuidade e planificación” e un sistema de avaliación pública diante do Parlamento. “Se non se avalía, non existe. Queremos datos, resultados, transparencia e melloras continuas. Non queremos propaganda”, advertiu Carmen Rodríguez Dacosta.