Os socialistas critican que, de non facelo, o Goberno de Rueda fará desaparecer do Sistema Universitario de Galicia a sucesión de estudos grao-mestrado-doutorado de Matemáticas
Julio Abalde e Aitor Bouza reuníronse con representantes da Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas da USC e avanzáronlles que o Grupo Socialista vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas en defensa da titulación
O Grupo Socialista no Parlamento galego acaba de rexistrar unha batería de iniciativas a través da que lle esixe á Xunta unha solución “inmediata” para a continuidade do máster de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Así llo avanzaron á Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas da USC o deputado e secretario de Universidades e Ciencia do PSdeG, Julio Abalde, e o secretario xeral compostelán e secretario de Acción Territorial e Formación da Executiva galega, Aitor Bouza, xunto con outros cargos do partido.
Os socialistas reuníronse con representantes da plataforma para analizar a gravidade da situación, que, de non arranxarse, “significará que a sucesión de estudos grao-mestrado-doutorado de Matemáticas desaparecerá da comunidade autónoma”, xa que a Universidade compostelana é a única que imparte eses estudos en todo o Sistema Universitario de Galicia.
A “escusa” que pon o Goberno do PP para eliminar a titulación é o número de alumnos, pero o parlamentario do PSdeG considera que o problema non se pode enfocar unicamente desde un punto de vista cuantitativo, senón tamén “cualitativo”, xa que están en xogo aspectos tan importantes coma a formación de profesorado ou o prestixio científico de Galicia. A iso únese a importancia das matemáticas como disciplina clave nunha sociedade totalmente dixitalizada.
Segundo explicou Julio Abalde, o máster en Matemáticas “debe considerarse, polas súas características específicas, indispensable para a oferta global do SUG”, xa que ten un “interese estratéxico” para a formación universitaria. “É a vía de acceso —detallou— á investigación e ás áreas básicas das matemáticas, vinculadas a investigadores e liñas de investigación de acreditada excelencia e referencia a nivel nacional e internacional”.
O deputado socialista alertou de que o problema pode “introducir un agravio comparativo coas universidades privadas”, polo que, ademais de manter o máster en Matemáticas, a medio prazo é necesario elaborar un novo decreto de titulacións do SUG, dado que o Vixente “xa produciu importantes problemas en titulacións de campus periféricos, particularmente no de Lugo”. A evidencia é que a Xunta de Rueda suspendeu a súa aplicación “por razóns puramente electorais”, ante a proximidade dos comicios autonómicos de 2024.