Paloma Castro acusa ao conselleiro de Sanidade de mentirlle ao Ministerio xa que “non é certo que teñan o rexistro”
Sinala que o goberno central quere blindar o dereito ao aborto e empraza ao PP galego a poñerse do lado das mulleres e non “dos disparates da ultradereita e de Ayuso”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra coa Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e faga o rexistro de obxectores en Galicia. Castro presentou unha pregunta ao conselleiro de Sanidade na que advertiu que o goberno galego lle mentiu ao Ministerio de Sanidade, xa que “non é certo que teñan o rexistro”.
Castro salientou que o Goberno central quere “blindar o dereito ao aborto”, e emprazou ao PP galego a situarse do lado dos dereitos das mulleres e non dos “disparates” de Ayuso e a súa competición coa ultradereita por ver quen é máis radical”.
A responsable socialista advertiu que Galicia non hai rastro do rexistro de médicos obxectores malia que o Ministerio de Sanidade ten aprobado “hai case un ano” o protocolo que define a medida, pero que non está “nin no portal de transparencia da Xunta, nin no DOG”. Acusou ao PP de tratar á interrupción voluntaria do embarazo “como unha concesión cando estamos a falar dun dereito fundamental ligado directamente á liberdade, á dignidade e á igualdade das mulleres”.
Acusou ao PP galego de seguir os “disparates” de Ayuso e a súa competición coa ultradereita “para ver quen é máis radical” con argumentos “carentes do mínimo rigor científico”, poñendo o foco no aborto “coma se fose un problema social”. Criticou esta “instrumentalización constante dos dereitos das mulleres que debilita enormemente á democracia” a súa estratexia ao tempo que “demonizan a decisión das mulleres, aos médicos, cuestionan leis vixentes e intentan reabrir feridas pechadas”.
Esixiulle ao goberno galego que garanta que asociacións ou entidades con postulados ideolóxicos acientíficos “non poidan entrar nin influír na atención sanitaria pública en Galicia”. Así o dixo antes de lembrar que en Madrid veñen de aprobar unha emenda “promovendo a difusión do chamado síndrome post aborto” sen respaldo científico e rexeitado polas principais sociedades médicas e organismos internacionais”.