
A deputada socialista Lara Méndez: “O sector primario galego non precisa máis propaganda, senón políticas útiles, eficaces e urxentes”
Reclamoulle á Xunta unha reforma profunda do Programa de Desenvolvemento Rural: “É necesario un cambio de modelo ou unha adaptación ambiciosa”
A deputada do PSdeG Lara Méndez esixiulle hoxe en comisión parlamentaria á Consellería de Medio Rural que deixe de facer “anuncios baleiros” e pase “dunha vez” das palabras aos feitos. “O sector primario galego non precisa máis propaganda, senón políticas útiles, eficaces e urxentes”, afirmou durante o debate con motivo dunha comparecencia do Goberno autonómico para informar sobre o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR).
Méndez lamentou que, mentres “non se coñece ningunha novidade relevante nin ningún cambio substancial na xestión do PDR que xustifique comparecencia ningunha”, o sector primario enfronta problemas urxentes e reais, como son as baixadas dos prezos en orixe, o incremento de custos de produción, o peche “continuado” de explotacións, a incerteza ante o impacto do acordo entre a UE e Mercosur, a falta de garantías sobre o futuro financiamento da PAC ou os efectos crecentes do cambio climático sobre as producións.
Para a parlamentaria socialista, desviar o debate cara o PDR non é máis que “unha manobra para gañar tempo” e tratar de distraer con “debates secundarios”. “O que precisa Galicia hoxe —insistiu— é unha posición clara da Xunta fronte a Mercosur, unha defensa firme dun orzamento suficiente para a PAC no novo Marco Financeiro, medidas concretas para garantir prezos xusto, apoio real á incorporación de mozos e mozas e políticas activas fronte ao impacto climático”.
Con todo, Lara Méndez aproveitou para analizar brevemente a situación do PDR. Explicou que aínda que se constata “unha actividade operativa considerable” no marco do Programa de Desenvolvemento Rural galego, non hai, a día de hoxe, novidades substanciais que indiquen un “necesario cambio de modelo ou unha adaptación ambiciosa”. Por iso reclamou “unha reforma estratéxica profunda” co fin de incorporar “elementos transversais e fundamentais”, entre os que citou unha aposta pola sustentabilidade e a captura de carbono, a resiliencia e a adaptación ao cambio climático, un equilibrio territorial e apoio aos pequenos produtores, mecanismos de defensa comercial ante calquera impacto do acordo UE-Mercosur e enfoques específicos para enfrontar os desequilibrios da cadea alimentaria.
Demandou tamén que, ademais de “orzamentos garantidos e novas prioridades claras”, o plan conte “cun calendario simplificado para que agricultores e gandeiros poidan planificar con seguridade a presentación de solicitudes e investimentos”.