

Patricia Iglesias reclamoulle á Xunta que aprobe xa un plan sectorial mineiro de Galicia “que permita ordenar o territorio, avaliar os impactos ambientais con carácter previo e evitar conflitos posteriores”
Demandou tamén un plan específico de fomento da industria e do emprego para a comarca de Viana do Bolo: “As persoas traballadoras non poden pagar a mala planificación e o mal control administrativo”
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamou hoxe en comisión parlamentaria que se cumpran “rigorosamente” os requisitos de solvencia económica, técnica e social ante unha nova explotación da mina de Penouta, en Viana do Bolo. “As informacións apuntan a unha nova etapa, cunha empresa que aposta pola reapertura progresiva, polo cumprimento da legalidade e pola recuperación da maior parte do emprego perdido, e iso é esperanza e futuro”, asegurou para defender unha iniciativa a través da que o Grupo Socialista insta ao Goberno de Rueda a aprobar, “por fin”, un plan sectorial mineiro de Galicia “que permita ordenar o territorio , avaliar os impactos ambientais con carácter previo e evitar conflitos posteriores”.
Por outra banda, tamén lle demanda a aprobación dun plan específico de fomento da industria e do emprego na comarca de Viana do Bolo, que coa autorización agora en trámite, ademais de cumprirse os requisitos anteditos, se active un plan de reversión da contaminación derivada da antiga explotación. “Penouta pode ser unha oportunidade se se fan as cousas ben”, asegurou.
Iglesias dixo que calquera proxecto industrial, mineiro ou enerxético que se queira implantar no país “ten que cumprir tres condicións básicas: sustentabilidade ambiental, sustentabilidade económica e sustentabilidade social”, e afirmou que no caso de que falte unha delas “o proxecto cae”.
A parlamentaria do PSdeG mostrouse “radicalmente en contra dun modelo improvisado, sen planificación e sen control público suficiente, que acaba xerando conflitos sociais, danos ambientais e problemas xudiciais”, algo no que Galicia ten “unha longa historia”.
Dezaseis anos sen planificación
“O problema de fondo son os 16 anos sen planificación”, asegurou sobre o que cualificou de “feito incontestable”: que a comunidade carece de plan sectorial de minas malia que é obrigatorio desde 2008, tras a Lei de ordenación da minería que promoveu o Goberno de Touriño. O PP leva todo ese tempo gobernando “sen unha zonificación clara do territorio, delimitación de zonas incompatibles coa minería, avaliación ambiental estratéxica previa nin criterios comúns para dar seguridade xurídica”, enumerou.
Patricia Iglesias repasou “exemplos ben coñecidos”, como os problemas de vertidos e outros incumprimentos reiterados na mina de San Finx, a prórroga da concesión na Gudiña sen avaliación de impacto ambiental, a canteira de Guitiriz investigada por operar durante anos fóra dos límites autorizados ou o caso “especialmente grave” da mina de Touro. Todas elas tiveron derivadas xudiciais, e algunhas, mesmo procedementos penais abertos.
“Son casos distintos, pero cun patrón común: a falta de planificación, o control insuficiente e a reacción tardía da Administración”, explicou a deputada socialista, que defendeu, pola contra, unha minería “compatible co territorio, respectuosa coa saúde das persoas, con garantías ambientais reais e que dea seguridade xurídica ás empresas e estabilidade ao emprego”.
Por iso, sinalou que o caso de Penouta “é un exemplo do que non se pode volver facer”, xa que a falta de garantías nas autorizacións e os problemas ambientais tiveron, entre outras consecuencias, “un impacto social durísimo, con máis dun centenar de persoas que quedaron sen emprego nunha comarca xa castigada polo paro”. “As persoas traballadoras non poden pagar a mala planificación e o mal control administrativo”, subliñou.