

A deputada socialista Paloma Castro reclama que Fabiola García aclare no Parlamento se o PP da Illa de Arousa actúa por libre ou seguindo indicacións da Consellería ou do presidente da Xunta
A deputada do Grupo Socialista Paloma Castro anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento galego para que a conselleira de Política Social, Fabiola García, dea explicacións pola negativa do PP a apoiar a adquisición da casa de Marcial Dorado na Illa de Arousa para a súa conversión nunha residencia pública da terceira idade.
O Grupo Socialista considera imprescindible que a responsable de Política Social aclare se a posición defendida polo PP no Concello da Illa responde a unha decisión tomada pola dirección local do partido ou se, pola contra, obedece a indicacións expresas da propia Consellería ou do presidente da Xunta. “É unha cuestión de transparencia política e de responsabilidade institucional”, sinalou Castro.
A deputada socialista cualificou de “incomprensible” que o Goberno galego se opoña a unha iniciativa que permitiría reforzar a rede pública de atención ás persoas maiores nunha zona como a comarca do Salnés, que sofre un déficit evidente de prazas residenciais públicas. “Falamos dunha comarca cunha poboación cada vez máis avellentada, con listas de espera e cunha oferta pública claramente insuficiente, mentres a Consellería de Política Social se nega a dar unha resposta”, denunciou.
Desde o PSdeG lembran que a Illa de Arousa e o conxunto do Salnés levan anos reclamando máis recursos públicos para atender ás persoas maiores, especialmente aquelas que precisan atención continuada e non poden asumir os elevados custes das residencias privadas. “A falta de prazas públicas obriga a moitas familias a abandonar a comarca ou a facer fronte a gastos que non se poden permitir”, advertiu Castro.
A deputada socialista subliñou tamén o valor simbólico e social da proposta. “Transformar un espazo ligado a un pasado escuro nun servizo público ao servizo da veciñanza sería un acto de xustiza social e de dignidade democrática”, afirmou, criticando que a Xunta rexeite sequera estudar esta posibilidade.
As iniciativas rexistradas polo Grupo Socialista buscan coñecer os motivos reais da negativa á proposta, se se avaliou o seu impacto social e que medidas ten previsto adoptar a Consellería de Política Social para incrementar as prazas públicas residenciais na comarca do Salnés. “Fabiola García debe dar a cara no Parlamento e explicar se o PP da Illa fala por si mesmo ou se simplemente executa decisións tomadas desde San Caetano”, concluíu a deputada.