

A deputada Paloma Castro defende en Comisión unha Proposición non de lei para que os pagamentos se realicen nun prazo máximo dun mes e non se repitan os atrasos que puxeron contra as cordas a centos de familias
A deputada do PSdeG Paloma Castro defendeu hoxe en Comisión no Parlamento de Galicia unha Proposición non de lei que esixe á Xunta de Galicia o aboamento urxente das axudas correspondentes ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) destinadas ao sector do marisqueo a flote da ría de Arousa. Unha iniciativa acompañada dunha autoemenda que nace da preocupación real e concreta que o propio sector trasladou aos socialistas galegos e que foi rexeitada polo PP.
Castro lembrou que o ano pasado estas axudas non se abonaron ata o mes de setembro, case un ano despois de decretarse o cese de actividade. “Ese atraso non é un simple problema administrativo. É un problema real para as economías familiares das persoas que viven do mar”, sinalou a deputada, que incidiu en que quen depende dunha actividade diaria e estacional non pode esperar medio ano para cobrar unha axuda que está pensada precisamente para compensar unha parada da actividade.
A iniciativa pide tres cousas concretas: que se proceda ao aboamento urxente das axudas FEMPA, que ese pagamento se efectúe nun prazo máximo dun mes desde a aprobación da iniciativa e que se adopten as medidas administrativas necesarias para que en futuras convocatorias os prazos sexan razoables e compatibles coa viabilidade económica do sector.
A deputada socialista subliñou que o sector xa fixo todo o que lle correspondía: “Todas as solicitudes están presentadas, cumpriron cos prazos, cos requisitos e coa tramitación administrativa. Agora tócalle cumprir á Administración”, afirmou.
Paloma Castro contextualizou a situación lembrando que o sector do marisqueo a flote leva meses parado, con centos de profesionais que tiveron que recorrer ás prestacións do Instituto Social da Mariña para manter uns ingresos mínimos. Lembrou ademais que na última década se perderon arredor de 3.000 permisos de marisqueo, un dato que reflicte o abandono institucional que padece o sector.
Na ría de Arousa, entre 1.000 e 1.200 familias dependen directamente do marisqueo a pé, e entre 150 e 300 familias máis viven do marisqueo a flote, sen contar as que dependen indirectamente da actividade: conxeladores, transporte, venda ou subministracións. “Cando este sector ten problemas, non os ten só quen vai ao mar cada día. Tenos tamén a economía local, o comercio, a hostalaría e moitas outras actividades que dependen do que ocorre na ría”, explicou a deputada.
Castro dirixiuse tamén directamente ao sector: “Sabemos que os últimos meses non foron fáciles. Sabemos do esforzo que supuxo aceptar un peche tan longo para protexer a ría. Ese sacrificio merece respecto, apoio institucional e respostas á altura”. E engadiu: “Imos seguir defendendo aquí dentro o que vós reclamades fóra: que as axudas cheguen cando teñen que chegar e que nunca máis se vos deixe solos ante unha situación así”.
A deputada do PSdeG concluíu pedindo ao PP que “deixen de xustificar o inxustificábel e pensen un pouco nos traballadores do mar” e que voten a favor desta iniciativa. “Non estamos pedindo nada extraordinario. Estamos pedindo previsión, planificación e respecto polo traballo dun sector que leva anos demostrando unha enorme capacidade de adaptación e de responsabilidade”, rematou.