
O deputado Aitor Bouza traslada o apoio socialista ás persoas propietarias nas Fragas do Eume tras a admisión a trámite no Parlamento Europeo da súa reclamación pola xestión do parque natural
O deputado socialista Aitor Bouza advertiu hoxe de que a xestión da Xunta nas Fragas do Eume volve quedar baixo o foco de Europa despois de que o Parlamento Europeo admitise a estudo a reclamación presentada polos propietarios e propietarias do parque natural pola vulneración dos seus dereitos.
Bouza iniciou a súa intervención cunha mensaxe de condolencias polo falecemento de Antón Louro, ao que definiu como “unha figura clave do socialismo galego”, trasladando en nome do PSdeG e do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, unha aperta á súa familia e ás súas amizades.
Xa sobre o asunto das Fragas do Eume, o deputado socialista explicou que o grupo parlamentario leva tempo traballando nesta cuestión da man da veciñanza e que a iniciativa que agora chega ás institucións europeas recollen a voz de moitas persoas que levan anos reclamando respecto, diálogo e cumprimento da normativa nun espazo natural emblemático de Galicia.
Segundo explicou, a reclamación presentada polos propietarios baséase en tres cuestións fundamentais. En primeiro lugar, denuncian que o plan reitor de uso e xestión das Fragas do Eume foi aprobado sen garantir un proceso real de participación e escoita, sen que se asegurase o dereito efectivo de audiencia das persoas propietarias.
En segundo lugar, sinalan a ausencia de compensacións económicas polos custos derivados da conservación, a xestión forestal ou a prevención de incendios nun espazo natural protexido.
E en terceiro lugar, advirten de que a normativa actual limita as actuacións necesarias de mantemento forestal, o que dificulta a conservación do propio parque e a prevención de incendios como os que xa afectaron ás Fragas do Eume en anos anteriores, nomeadamente nos anos 2012 e 2025.
Bouza lembrou que a normativa europea que regula a Rede Natura 2000 establece que a protección ambiental debe ir acompañada de medidas de conservación, prevención e tamén de diálogo e participación das persoas afectadas, algo que, segundo indicou, non se está cumprindo en Galicia: “É moi grave que teñamos que chegar ata Europa para que a Xunta de Galicia dea explicacións sobre a súa xestión dun espazo natural tan importante”.
O deputado socialista criticou ademais a política ambiental do Goberno galego e cuestionou o papel das consellerías responsables nesta materia. Bouza sinalou que non sorprende que Europa volva poñer o foco na actuación da Xunta cando desde o propio Goberno galego se lanzan mensaxes que minimizan o problema dos incendios ou se priorizan proxectos industriais como a macrocelulosa de Altri.
Neste contexto, o PSdeG esixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha solución inmediata que pase polo diálogo cos propietarios e propietarias das Fragas do Eume e pola corrección das deficiencias detectadas na xestión do parque natural.
O deputado anunciou ademais que os socialistas participarán hoxe na concentración convocada polos propietarios das Fragas do Eume deste mediodía en Ferrol diante do edificio da Xunta, e que esta mesma cuestión será abordada esta tarde en comisión parlamentaria.
Segundo explicou aos medios, a admisión da reclamación abre agora unha primeira fase de análise por parte da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que solicitará información á Xunta de Galicia sobre a súa actuación e a aplicación da normativa comunitaria: “Agora o foco está posto na Xunta. Terá que explicar cal foi a súa xestión e por que os propietarios tiveron que acudir a Europa para que se lles escoite”, concluíu.