
Lara Méndez criticou que o Goberno galego desmantele o proxecto ideado para compensar a decisión de Fraga de desviar a A-8, que deixou illada A Mariña
Censurou que a proposta que presentou o presidente recorta en máis de 8 quilómetros o tramo viveirense e en case 200 millóns de euros o orzamento orixinal
A deputada socialista reclamoulle á Xunta que retome a construción dunha VAC que sirva para artellar as comunicacións do norte de Galicia entre San Cibrao e Ferrol
A deputada socialista Lara Méndez denunciou hoxe no pleno do Parlamento galego que a proposta que vén de presentar Rueda para o tramo da vía de alta capacidade Costa Norte á altura de Viveiro substitúe o proxecto orixinal “por unha pista asfaltada”. Tal como explicou, ese treito vai pasar de 18,86 quilómetros a só 10,45, co que se reduce a súa lonxitude en 8,41. A iso únese que o orzamento previsto, de 254,17 millóns, convértese agora nun de unicamente 62,68, é dicir, de 191,49 millóns menos.
Méndez criticou que esa “estafa” á veciñanza se materializase tras a “moción de censura fake” en Viveiro. “O que non está claro é se a Por Viveiro tamén o enganaron”, ironizou sobre o apoio da formación independente ao PP a cambio da construción dunha vía de altas prestacións que agora a Xunta non quere facer.
Censurou tamén que o proxecto da VAC, ideado para compensar a decisión de Fraga de desviar a A-8, que deixou illada A Mariña occidental e o Ortegal, permaneceu esquecido mentres gobernaba Viveiro o Partido Socialista. Segundo recordou, foron “anos de negativas, de ignorar, de non querer recibir a ninguén” para abordar o tema, e por enriba, a Xunta do PP obrigou ao Concello a incluír no Plan Xeral de Ordenación Municipal “o trazado imposto pola Xunta para a VAC”.
Porén, agora que o Partido Popular conseguiu facerse coa alcaldía, “renuncia á VAC, renuncia a unha mobilidade real, renuncia a solucionar os problemas estruturais de tráfico, renuncia á dinamización económica e social de toda unha comarca”, advertiu Lara Méndez, que sinalou un problema máis grave: o PP fai todo iso “sen medir o alcance legal de desenvolver o PXOM coa inclusión dese trazado da VAC”.
“Mentiron á veciñanza”, afirmou a parlamentaria do PSdeG sobre un treito que, no mellor dos casos, non se comezará a construír antes do 2028 pese ás présas coas que Rueda o anunciou. Méndez esixiulle á Xunta que desbote ese plan e retome xa o proxecto previsto de vía de altas prestacións como alternativa de paso ao casco urbano de Viveiro, pero tamén o seu desenvolvemento tal e como estaba planeada, entre San Cibrao e Ferrol, co fin de artellar as comunicacións do norte de Galicia.