
O Grupo Parlamentario Socialista destaca que o Consello da Xunta volve evidenciar a ausencia de iniciativa de Rueda fronte ás tres crises que afectan a Galicia: nin unha soa medida propia ante a guerra, o Pladiga presentado cinco meses fóra de prazo e axudas tardías e insuficientes para o marisqueo
O Grupo Parlamentario Socialista denuncia que o Consello da Xunta celebrado hoxe é, unha vez máis, o retrato dun presidente que só chega a tempo para os titulares pero que chega sistematicamente tarde cando hai que gobernar. Tres temas sobre a mesa, tres crises reais, e en ningunha delas Rueda estivo á altura.
No que respecta ás medidas fronte á guerra de Irán, Rueda dedicou o Consello a lamentar que o Goberno central non consultase ás comunidades autónomas antes de aprobar o plan de choque de 5.000 millóns de euros e cifrou en 120 millóns o custo para Galicia, pero sen avanzar ningunha medida propia.
Convén lembrarlle a Rueda que cando o Goberno central convoca ás comunidades para dialogar, o PP levántase da mesa. Non se pode pedir consulta coa man dereita e rexeitar o diálogo coa esquerda. E o máis grave: o PP de Feijóo aplaudiu esta guerra desde o primeiro día. O líder popular felicitou os bombardeos e tardou tres semanas en desmarcarse. Non se pode alentar unha guerra e despois lamentar as súas consecuencias económicas. Mentres, o Goberno de España pon en marcha o maior escudo social das democracias europeas e Rueda non propuxo nin unha soa medida propia.
Co Pladiga ocorre exactamente o mesmo. O Consello presentou hoxe o plan contra incendios de 2026. A lei obriga a aprobalo antes do 31 de outubro do ano anterior. Son cinco meses de atraso. Cinco meses nos que Galicia estivo sen planificación preventiva, sen coordinación actualizada e sen contratación de persoal a tempo. O PSdeG leva denunciando esta situación desde decembro. A nosa portavoz Carmen Rodríguez Dacosta alertou reiteradamente de que cada día sen Pladiga nos achegaba a outra catástrofe. A Xunta ignorou cada aviso.
E que presentan agora? Drons, cámaras e unha app móbil para a cidadanía que foi proposta polo PSdeG no verán pasado. Son medidas necesarias pero que de nada serven se o Pladiga non se aproba a tempo porque os montes arden por falta de prevención, de limpeza e de planificación.
E no marisqueo, o atraso é aínda máis grave porque esta non é unha crise nova. O sector arrastra unha situación crítica desde finais de 2023, cando as riadas provocaron mortaldades de ata o 80% nalgúns bancos. A Xunta respondeu entón cunha axuda única de 550 euros por mariscadora. En outubro de 2025, confrarías e comercializadores fixeron un fronte común para denunciar unha situación “alarmante” e pedir medidas urxentes. En febreiro de 2026, no Parlamento, xa se alertaba de que a situación era “gravísima” e a conselleira do Mar aprazaba calquera medida ata ter datos. A principios de marzo, o sector falaba abertamente de situación “agonizante”, confrarías como a da Pobra do Caramiñal anunciaban concurso de acredores e en Rianxo, de 190 barcos, só faenaban sete.
Nese contexto, o 9 de marzo Rueda limitouse a dicir que habería axudas “se son necesarias”. Dúas semanas despois, hoxe, anuncia 22,7 millóns. O propio sector pediu axudas directas por decreto de urxencia, prórrogas automáticas dos permisos e un seguro público de produción. A Xunta responde con 22,7 millóns en convenios. Tarde e curto.
Para os e as socialistas o patrón é claro, Rueda chega sempre tarde e mal aos problemas que afectan a cidadanía. Deste xeito, o PSdeG insta ao presidente da Xunta a deixar a política do escaparate e pasar á acción: medidas propias fronte á guerra, planificación a tempo contra os incendios e axudas reais e inmediatas para as mariscadoras que levan meses sen ingresos.