

Silvia Longueira explica que a día de hoxe o Concello non ten “residencia de maiores, non hai implantación da industria prometida e o territorio está máis afastado dos servizos públicos”
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe no Parlamento que o Partido Popular “incumpriu todos e cada un dos puntos” recollidos no documento base da fusión dos concellos de Oza e Cesuras, promovida no ano 2013 polo Goberno de Feijóo.
Longueira lembrou que aquel acordo prometía un “futuro venturoso” para o novo municipio, coa chegada de actividade industrial, incremento de ingresos e a implantación de novos servizos públicos. “Trece anos despois non hai residencia de maiores, non hai novas empresas implantadas no territorio e a poboación segue descendendo”, advertiu.
O documento base da fusión incluía a construción dunha residencia da terceira idade no parque municipal do antigo sanatorio do Paraxón, na parroquia de Bragade, así como a posta en marcha doutros servizos como gardería infantil, centro de secundaria ou servizos de protección civil.
A deputada subliñou que a única escola infantil existente foi promovida polo Goberno de España durante a etapa de José Luis Rodríguez Zapatero, a través dun convenio entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Benestar, e “non responde a ningún compromiso específico derivado da fusión”.
“A realidade é que afastaron aos veciños da proximidade da administración local, convertendo Cesuras nun lugar máis afastado dos servizos, cun sistema de transporte público practicamente inexistente”, sinalou.
Longueira criticou tamén que, máis dunha década despois, non exista ningún informe oficial que avalíe os efectos económicos da fusión nin os supostos beneficios anunciados no seu momento. “Prometeron máis ingresos, máis emprego e máis oportunidades. Non hai nin residencia, nin industria, nin análise que xustifique aquela decisión”, afirmou.
Por iso, o Grupo Socialista reclama que a Xunta presente no prazo de dous meses a planificación real para a construción da residencia de maiores e que elabore un informe detallado sobre os efectos económicos da fusión, tal e como figuraba nas previsións iniciais.
Longueira insistiu en que “non se pode vender unha fusión como solución máxica e, trece anos despois, non render contas. Os veciños e veciñas de Oza-Cesuras merecen explicacións”.