

Lara Méndez defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para activar cláusulas de salvagarda e medidas de apoio ás persoas produtoras galegas ante os posibles impactos do acordo comercial
Sinalou tamén que o acordo abre oportunidades para determinados sectores como o vitivinícola, ao reducir aranceis e facilitar a exportación a mercados de América do Sur
O Grupo Parlamentario Socialista lamentou hoxe no Parlamento de Galicia que o Partido Popular volvese dar as costas ao sector primario galego ao non apoiar a proposición non de lei presentada polo PSdeG para impulsar medidas de protección e salvagarda ante a aplicación do acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur.
A deputada socialista Lara Méndez defendeu unha iniciativa orientada a garantir que a apertura comercial se realice con todas as garantías para o rural galego, reclamando á Xunta que actúe dentro do ámbito das súas competencias para protexer ás persoas produtoras e reforzar a posición do sector.
Durante a súa intervención lembrou que os acordos comerciais internacionais son competencia da Unión Europea e que neste caso se trata dun acordo que leva anos negociándose e no que hai que conciliar intereses de distintos países. Por iso advertiu de que a resposta non pode ser simplemente enarborar a bandeira do non, unha postura que pode resultar cómoda politicamente pero que non resolve os retos reais do sector.
Méndez explicou que existen preocupacións fundadas entre as persoas produtoras, especialmente en relación coa competencia e cos estándares de produción, e precisamente por iso defendeu a necesidade de garantir instrumentos de protección. Entre eles, destacou as cláusulas espello en materia sanitaria e ambiental e as cláusulas de salvagarda para evitar distorsións no mercado e posibles baixadas de prezos provocadas pola entrada de importacións.
Estas medidas permitirían reaccionar con rapidez se se detectan desequilibrios, xa que poden activarse nun prazo curto e manterse durante varios anos se a situación así o require.
A deputada socialista sinalou tamén que o acordo abre oportunidades para determinados sectores europeos e galegos, como o vitivinícola, ao reducir aranceis e facilitar a exportación a mercados de América do Sur. Ao mesmo tempo, lembrou que as importacións de produtos sensibles están limitadas por cotas concretas e sometidas a controis estritos.
Con todo, insistiu en que o fundamental é reforzar a base produtiva do rural galego. Neste sentido, a iniciativa socialista reclama impulsar políticas que favorezan o consumo de produto de proximidade, reforcen as figuras de calidade diferenciada e melloren a información aos consumidores sobre a orixe dos alimentos.
Tamén propón desenvolver medidas de acompañamento para estabilizar os mercados agrarios, apoiar as rendas das explotacións en momentos de crise e reforzar a posición negociadora das persoas produtoras dentro da cadea alimentaria.
Méndez advertiu ademais contra o uso político do medo arredor deste debate. Non se trata dunha barra libre nin dunha eliminación de controis, explicou, lembrando que o acordo mantén os estándares europeos en materia sanitaria, ambiental e de benestar animal, así como mecanismos de seguimento e avaliación.
Por iso reclamou á Xunta que asuma as súas responsabilidades e actúe con decisión dentro das súas competencias, defendendo activamente os intereses do sector primario galego.
Finalmente, Lara Méndez sinalou que, fronte aos discursos e ás fotografías co sector, o que verdadeiramente conta son as decisións que se toman no Parlamento, e neste caso o Partido Popular “optou por non apoiar unha proposta orientada a activar mecanismos de protección e medidas de acompañamento para as persoas produtoras galegas ante os posibles impactos do acordo UE-Mercosur”.