

Aitor Bouza criticou que o proxecto de Presupostos do Goberno de Rueda para o 2026 “non responde ás necesidades da educación galega”
O deputado socialista advertiu do descenso do peso da consellería nas contas: “As súas partidas aumentan só un 1,1 %, pero o Orzamento xeral sobe un 2,1 %
O portavoz de Educación do Grupo Socialista no Parlamento galego, Aitor Bouza, denunciou hoxe que o proxecto de Orzamentos autonómicos para o vindeiro ano “non responde ás necesidades que ten a educación en Galicia”, xa que “non pon enriba da mesa solucións para as eivas do sistema”. Censurou, ademais, que o gasto dedicado a educación “decrece” respecto do total. “Aumenta un 1,1 %, pero o Orzamento xeral sobe un 2,1”, apuntou ao respecto.
Entre outras problemas, o deputado do PSdeG advertiu da baixada nas partidas dedicadas a reformas nos centros educativos, “a rehabilitacións, a pavillóns deportivos, a novos comedores”, e criticou que o Goberno do PP comprometese 5,5 millóns de euros para loitar contra o acoso escolar que non aparecen nas contas. “Eu busquei no Orzamento e non os atopei por ningún sitio”, sinalou, e puxo en cuestión como se vai desenvolver a estratexia galega de convivencia que anunciou o Executivo autonómico, cando non se coñece nin de que partidas vai depender.
Durante a súa intervención esta mañá na comisión de Orzamentos, Bouza lamentou que un ano máis non se vaian atender as circunstancias do alumnado con necesidades educativas. De feito, reclamou que se renove o catálogo desas necesidades, que data de hai case 15 anos, e subliñou que se o impedimento para superar esa “discriminación evidente” é “parapetarse” nunha norma obsoleta, hai que modificala. “Cambiémola”, insistiu.
Denunciou tamén que a Xunta “vende inclusión, pero integra e non inclúe, porque a inclusión nada ten que ver coa integración”, e por iso reivindicou un incremento das partidas específicas destinadas a ese fin.
Bouza cargou contra un bono comedor “pensado só para facer un anuncio” e non para axudar de verdade ás familias, xa que en moitos casos non vai máis alá de cubrir o gasto dun mes, e contra a situación do transporte escolar, a cuxa competencia renunciou Educación “para cederlla a outra consellería”. O resultado, recordou, é que “hai alumnado que ten que adaptar o horario lectivo ao do transporte”, cando debera ser ao revés.
Respecto do abandono escolar, alertou de que os fondos previstos para combatelo se van reducir nun 4 %, e iso despois de que este mesmo ano se recortasen nun 50 % a través dunha modificación de crédito. “E nada se fala dos desdobres que non se fixeron neste curso”, afeoulle, por outra banda, ao conselleiro.
Fronte a todos eses recortes, Aitor Bouza propuxo diminuír as bonificacións fiscais e transferir eses cartos ás políticas educativas. “Non condonen impostos aos ricos e destínenos ao importante”, recomendou, como tamén que Goberno e parlamentarios visiten centros educativos “para ver as necesidades reais, ver que reclaman as familias e o profesorado”. Respecto destes últimos, valorou o traballo que fan os profesionais e por iso lle recriminou ao Goberno de Rueda o descenso na partida destinada a formación do profesorado.
A esa rebaixa uniu, por outra parte, a redución do orzamento da Axencia Galega de Innovación, un 10 % que supón 12 millóns de euros.